OurenseÚltima hora

O Teatro Principal de Ourense acolle este venres a estrea de “A lúa vai encuberta” de Manuel María

Tito Asorey dirixe esta proposta de teatro documental das compañías Incendiaria e A Quinta do cuadrante que se representará en tres funcións os días 10, 11 e 12 de setembro

 

Este venres 10 de setembro, o Teatro Principal de Ourense acollerá a estrea de A lúa vai encuberta, unha proposta de teatro documental a partir da obra homónima de Manuel María que nace da colaboración entre as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. A estrea terá lugar o venres 10 ás 21 horas e continuará con funcións o sábado 11 ás 21 e o domingo 12 ás 20 horas, estando estas funcións patrocinadas pola Deputación de Ourense. De feito, na presentación da obra, o  presidente Manuel Baltar destacou que se trata dunha obra que “amosa o compromiso de Manuel María coa nosa terra: Galicia, nación cultural”, lembrando que hoxe precisamente se cumpren 17 anos do falecemento do autor lucense, “unha xornada na que tamén se conmemora o Día Internacional da Alfabetización, algo que entronca coa intelectualidade de Manuel María”.

A lúa vai encuberta é unha proposta teatral multidisciplinar a partir da que o equipo dialoga desde a actualidade máis recente coa historia contemporánea de Galicia. Mesturando as formas de teatro popular como a farsa e o musical con formas contemporáneas como o audiovisual e o teatro documento, propón unha posta en escena dinámica e emocionante, que ten como motor a recuperación e a reactivación da memoria para tomar conciencia crítica da realidade. Partindo da mirada coa que Manuel María selecciona e ordena pasaxes da nosa historia para levar a nosa atención tanto sobre as forzas activas como as que foron ocultadas, a intención do proxecto é a de cuestionar o relato adquirido para, desde a experiencia vital, revisar os prexuízos, os tabús e os silencios que aínda prevalecen.

 

Tito Asorey, actor e director da obra, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.

 

Tito Asorey dirixe esta obra que conta coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e con música orixinal de Davide González, integrantes tamén do elenco xunto coa actriz Melania Cruz. Completan o equipo artístico nomes destacados da escena galega como son a iluminadora Laura Iturralde e o escenógrafo Carlos Alonso.

O espectáculo é unha coprodución das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, a Casa-Museo Manuel María, o Centro Dramático Galego e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. De igual modo o proxecto, que visitará máis de 25 concellos galegos, conta co patrocinio das Deputacións de Ourense, A Coruña e Lugo.

Despois de Ourense, o espectáculo xirará por toda Galicia durante os próximos meses, tendo máis de 30 funcións xa concertadas. As próximas paradas serán en Verín (25 de setembro), Vilalba (2 de outubro), Pontevedra (14 de outubro), San Sadurniño (24 de outubro), Santiago de Compostela (29, 30 e 31 de outubro), Barbadás (6 de novembro), Betanzos (20 de novembro), Lugo (28 de novembro), Carral (4 de decembro) e Noia (18 de decembro). Na cidade de Ourense tamén se realizarán, grazas ao apoio da Deputación, dúas funcións para escolares o día 17 de novembro.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button