En portadaÚltima hora

O Teixadal de Casaio, unha xoia natural, opta a ser Bosque do ano 2024

As votación a favor deste bosque poden realizarse na web https://www.arbolybosquedelaño.es/

Panorámica do Teixadal de Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Teixadal de Casaio é un dos dous candidatos que optan a ser Bosque do ano 2024. Este é un concurso anual que se convocaba por vez primeira no ano 2007 pola ONG Bosques Sen Fronteiras e que despois, en 2011, ampliábase a nivel europeo como ‘Tree of the Year’ organizado a Fundación Alianza (Nadace Partnerství) e que engloba todas as iniciativas nacionais dos diferentes países da Unión Europea.

O obxectivo do concurso Bosque do Ano é destacar os bosques singulares do territorio español como un importante patrimonio natural e cultural que debe coñecerse e protexerse. Un xurado seleccionou aos aspirantes españois, un deles o antigo bosque de teixos de Casaio.

“Neste concurso, a diferenza doutros concursos, non é importante a beleza, o tamaño ou a idade das árbores ou os bosques senón a historia e a relación coas persoas e o territorio. Buscamos árbores e bosques que se converteron nunha parte integrante da comunidade no seu sentido máis amplo”, din os seus organizadores.

O Teixadal de Casaio (Carballeda de Valdeorras) é un bosque único, singular e moi lonxevo situado nas montañas de Trevinca, a uns 1.400 metros de altura. Está considerado unha das últimas reservas do teixo, que dende o 2007 está recoñecido como “formación senlleira” dentro do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. É o máis grande dos dous rodais de teixos espontáneos que aínda se conservan na provincia de Ourense, mostras residuais da forte implantación que antigamente tiña esta árbore no territorio galego.

É asemade un amplo mostrario das máis variadas e sorprendentes expresións do teixo, da súa vitalidade, adaptación e rebrotes. A altura deste bosque e a súa inaccesibilidade teñen sido garantes da súa pervivencia ata hoxe.

A votación polo Teixadal neste concurso pode realizarse na seguinte web
https://www.arbolybosquedelaño.es/

Back to top button