ConcellosO BarcoÚltima hora

O tráfico polo casco vello do Barco quedará limitado a residentes e a carga e descarga

Ademais, prohibirase aparcar na praza das Airas, tal e como vén de informar o alcalde do Barco

 

Polo casco antigo do Barco comezará en breve a aplicación do Plan de Mobilidade municipal. Isto suporá, entre outras cuestións, que só poderán circular polas súas rúas os vehículos dos residentes e tamén se permitirá a carga e descarga, cunha velocidade máxima de 20 km/h. Así o anunciaba esta mañá en rolda de prensa o alcalde do Barco, Alfredo García.

“Imos empezar xa a deixar o caso vello como zona exclusivamente de carga e descarga e de residentes, non vai ser un vial para que a xente o use como alternativa á estrada xeral e aos semáforos. En canto cheguen os sinais, farémolo e, polo tanto, empezaremos a aplicar o Plan de Mobilidade, precisamente por aí que é a zona máis sensible. Por aí queremos que suban tamén as bicicletas e, nese senso, vanse poñer uns carteis nos que terán prioridade bicicletas e peóns”, indicaba o rexedor barquense.

 

Novo aparcadoiro habilitado nas proximidades do praza das Airas e con saída á avenida Manuel Quiroga.

 

Ademais, coa apertura dun novo aparcadoiro xunto á avenida Manuel Quiroga, a intención do Concello é prohibir o estacionamento de vehículos na praza das Airas, que será un espazo destinado ao desfrute da veciñanza. “Temos os bancos comprados, xardineiras e papeleiras, imos facer un espazo aí para que a xente poida estar”, indicaba Alfredo García, que tamén considera que coa apertura do novo aparcamento, máis o da praza do Forno da Enrique, a zona conta con suficientes prazas de aparcamento. “A día de hoxe hai prazas suficientes para todo ese barrio”.

Fotos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button