EconomíaEconomíaÚltima hora

O tráiler “Camiño da Innovación” fai parada na Veiga

“Estamos a falar da dixitalización das pemes, fomentar un modelo enerxético sostible, impulsar a economía circular e potenciar a internacionalización”, dicía o presidente da Xunta na súa visita a este espazo

 

A iniciativa “Camiño da Innovación”, impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), está a percorrer toda Galicia cun tráiler como espazo de inspiración, información e servizos próximos ás microempresas e pemes galegas. Esta actuación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes de Galicia, que ten como obxectivo promover que a innovación sexa a esencia da competitividade das pemes galegas, e contribuír a superar os obstáculos para innovar.

Unha das 18 etapas era, neste 29 de novembro, A Veiga. E entre os visitantes deste tráiler estaba o presidente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde; entre outras autoridades, quen se refería á innovación como piar clave para a transformación da economía, gañar en competitividade e sumar valor engadido. “Estamos a falar da dixitalización das pemes, fomentar un modelo enerxético sostible, impulsar a economía circular e potenciar a internacionalización”, indicaba, lembrando que o Goberno galego está a traballar xa na nova Estratexia RIS-3, para abordar a Galicia 2030 do coñecemento.

 

 

A maiores, Feijóo incidía en que con este obxectivo se puxo en marcha esta iniciativa que desde principios de novembro, está a percorrer Galicia co fin de que as pemes e os autónomos coñezan de primeira man as vantaxes da innovación nas súas iniciativas para reforzar a súa competitividade e medrar.

 

 

Nesta liña, resaltou que dentro deste tráiler os emprendedores poden recibir asesoramento personalizado por parte do persoal da Axencia Galega de Innovación (Gain); analizar as oportunidades de negocio e elaborar unha folla de ruta encamiñada a conseguir resultados tanxibles e recibir cadernos de innovación e un curso en liña sobre aspectos básicos. Ademais de participar en encontros con outras iniciativas empresariais de éxito, como, Innogando -creador dun dispositivo que cambiará as condicións de traballo nas explotacións-, Lambone -que mestura tradición e innovación coas súas tartas de oruxo ou castaña-, Ametlan -enxeñaría vinculada co medio natural e que realiza sobre todo servizos no sector forestal, agrario e medioambiental-, ou Pizarras Samaca -o maior grupo louseiro co 100% de capital galego-.

 

 

“Esperamos que, ao finalizar o percorrido, teñamos atendido máis de 200 consultas e que a innovación se vaia abrindo paso entre os emprendedores”, abundou, recordando que esta iniciativa forma parte do Programa de impulso á innovación nas pemes, dotado cunha achega de 12 millóns de euros.

Logo do seu paso por A Veiga, o tráiler estará mañá, 30 de novembro, en Monforte de Lemos; o 1 de decembro, en Chantada; en Melide, o día 2; e en Meira, o día 9.

Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button