CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O “Valdeo Fest” grupo a grupo

O SIL pasou o día con todas as bandas que se darán cita no evento de mañá, día 15. Os músicos relataron, en exclusiva, as súas expectativas de cara ao certame do venres e as súas impresións sobre a creación de AMAVA (Asociación de Músicos Alternativos de Valdeorras).

“Fan falta festivais como o Valdeo Fest”

Jorge, vocalista e guitarra de Trasnochando, defende a celebración de recitais como o “Valdeo Fest”: “No Barco hai moita música e fan falta festivais como este. Os ritmos alternativos deben saír á rúa”.
A pesar de que a cultura non escapa da difícil situación económica que se vive, o integrante da banda mostrouse optimista: “O esforzo paga a pena. Os festivais de verán sempre son benvidos”.

 

Trasnochando nunha actuación anterior./ Foto: Miguel Gómez Longo.
Trasnochando nunha actuación anterior./ Foto: Miguel Gómez Longo.

Na súa compaña a xente cantará e bailará ao ritmo de “Farolas encendidas”, o seu primeiro disco. Ademais, os compoñentes de Trasnochando prometen “sorpresas” durante a súa actuación. Segundo adiantaron interpretarán un dos temas do seu vindeiro traballo, “30 de abril”, unha contestación ao “20 de abril” dos vallisoletanos Celtas Cortos.
“Espero que a xente se anime a vir. Será un encontro de carácter familiar, para todos os públicos”, remarcaba Jorge, líder da agrupación pop-rock.

“Esperamos que Valdeo Fest se converta nunha tradición”

Placeres Solitarios, unha das bandas máis populares no ámbito comarcal, considera á Asociación de Músicos Alternativos de Valdeorras a principal culpable dos eventos como “Valdeo Fest”.

“Era unha necesidade que tiñamos todos os amantes da música de Valdeorras para darnos a coñecer”, sinalou Alejandro González, cantante da agrupación. Así mesmo, espera que a “xente responda para que o festival se converta nunha tradición”.

Membros do grupo Placeres Solitarios./ Foto: Miguel Gómez Longo.
Membros do grupo Placeres Solitarios./ Foto: Miguel Gómez Longo.

 

Nun día para que a xente coñeza “a música da casa”, Suso Rodríguez, batería do cuarteto, desvelaba que tocarán temas propios e versións para que a xente se divirta.

Respecto aos plans de futuro da banda, David Fariñas aseguraba que teñen proxectos pero que van “pouco a pouco”.
O grupo rués tamén tivo tempo para lanzar unha mensaxe aos máis indecisos: “Será un día para gozar e coñecer aos grupos da bisbarra”.

“A música é cultura”

Black Label, é un dos novos grupos que conforman o panorama musical valdeorrés. Os seus integrantes pertencen a outras formacións como Placeres Solitarios ou xa desaparecidas como Alto Voltaxe.

Edu, guitarrista de Black Label./ Foto: Miguel Gómez Longo.
Edu, guitarrista de Black Label./ Foto: Miguel Gómez Longo.

 

“Xurdiu como unha iniciativa de varios amigos para divertirse e continuar tocando. De momento facemos versións para pasalo ben”sinalaba alegre Suso Rodríguez. Tamén se mostraba satisfeito cos integrantes da banda: “É un luxo tocar con músicos como Ramiro, Edu, David e Javi”.

O guitarrista Edu Gómez agarda o encontro do venres con ganas e desexa que todo saía ben para se consolidar como grupo. “A música é cultura e, en Valdeorras, hai artistas que valen moito. Non debemos ignoralos por ser da terra” apuntaba.

“Queremos que o público disfrute cos grupos da comarca”

The Joker, o grupo revelación do rock en Valdeorras, volverá a subirse aos escenarios no “Valdeo Fest”.
Púas, líder e guitarra do cuarteto soña con que haxa un gran ambiente e desexa que “o público disfrute cos grupos da comarca”.

A agrupación de estilo hardrock aconsella ás familias que pasen o día neste festival ás beiras do río Sil: “Xogos para nenos, música e comida… Non hai un plan mellor”.

 

The Joker, en concerto./ Foto: Miguel Gómez Longo.
The Joker, en concerto./ Foto: Miguel Gómez Longo.

 

Texto e fotos: Miguel Gómez Longo

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button