OurenseÚltima hora

O valdeorrés Alfonso Blanco “Fosco” recibirá o Premio Ourense 2021 do OUFF

O produtor de "Cuñados" é o director xeral da produtora galega Portocabo

Alfonso Blanco na clausura do OUFF 2020.

 

O produtor valdeorrés Alfonso Blanco “Fosco” recibirá o Premio Ourense da 26 edición do Ourense Film Festival. O domingo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comunicoulle persoalmente a Alfonso Blanco a decisión da organización de outorgarlle o Premio Ourense, e resaltou “a súa traxectoria profesional desde a produtora galega Portocabo, destacando en particular o seu ourensanismo militante, e o seu interese en fomentar a provincia como plató audiovisual, como ben de confirmar coa exitosa comedia Cuñados, enteiramente rodada en Ourense”. O produtor agradeceu enormemente o premio: “É unha honra recibir este recoñecemento no festival da miña cidade”. Blanco é director xeral da produtora Portocabo, unha das máis importantes do panorama audiovisual estatal, e responsable de éxitos como a película Cuñados ou de series como Hierro.

Nas últimas edicións, o Premio Ourense recoñeceu as figuras de Luis Tosar, Norberto López Amado e Dani de la Torre. Historicamente, este galardón recaeu en persoeiros da talla dos directores Luis García Berlanga, Enrique Urbizu e Emilio Martínez Lázaro, ademais dos actores José Sacristán, Imanol Arias ou Emilio Gutiérrez Caba. Igualmente foron recoñecidas en anteriores edicións do festival as actrices Lola Dueñas, Mercedes Sampietro, a directora Pilar Miró ou a escritora Elvira Lindo.

 

Alfonso Blanco “Fosco”, na presentación de “Cuñados” no Centro Cultural Avenida da Rúa.

 

Alfonso Blanco presume das súas raíces sempre que pode. Nado en Freixido, concello de Petín, viviu na cidade de Ourense dende mozo, onde se trasladou a rematar os seus estudos e desenvolveu a súa afección polo cine. No mundo do audiovisual comenzou traballando en series míticas da TVG como Mareas Vivas, Terra de Miranda, Padre Casares ou Matalobos. Tamén produciu diversos programas de televisión e é docente do Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade de A Coruña.

No ano 2010 funda a súa propia produtora, Portocabo, buscando producir ficción de calidade para televisión e que de seguido comeza a ter éxito. Vidago Palace, unha coprodución entre a TVG e a RTP portuguesa comeza o camiño do éxito internacional que segue con Hierro, de Movistar+ ou con Auga seca, adquirida pola HBO. O pasado ano deron o salto ás longametraxes con Cuñados, rodada integramente en Ourense. A película, que contou coa participación de RTVE, TVG e Movistar+ e coa colaboración da Deputación de Ourense e a D.O. Ribeiro, foi un gran éxito neste 2021.

Tamén dende o pasado ano, Alfonso Blanco é membro da International Academy of Television Arts & Sciences, sendo o primeiro galego e o séptimo español en conseguilo. Trátase da organización de empresas de produción e distribución máis importantes do mundo e que recoñece a programación televisiva producida fora de Estados Unidos cos Premios Emmy.

Artigos relacionados

Back to top button