Tras realizar o reconto das redes sociais e de sumar as puntuacións outorgadas polo xurado, a organización da primeira convocatoria do concurso de fotografía “Abellas ao voo” vén de facer públicos os nomes dos ganadores.
Así o primeiro premio correspondíalle a instantánea “Chegar e encher”, do barquense Arsenio Blanco, cun total de 20 puntos. Cunha puntuación de 16 ségueo Xabier González, autor de “Retrato intimista dunha abella” quen se coloca en segundo lugar. Finalmente, o terceiro premio recaía en “Que rico está todo” e na súa artífice, a tamén valdeorresa Susana Fernández, cun total de 14 puntos.
O pasado 20 de marzo, no marco da XXXIII Feira Apícola das Rías Baixas, a Agrupación Apícola de Galicia anunciaba a convocatoria deste primeiro concurso de fotografia Abellas ao Voo, co fin de “premiar aquelas instantáneas que captasen a beleza das abellas na súa cotiandade mentres interactuaban coa contorna”. O prazo de finalización do mesmo sería o pasado 5 de abril, momento no que se realizaría unha compilación das imaxes e posterior valoración.
“Sen dúbida, a iniciativa tivo unha gran resposta, sendo máis de medio centenar de imaxes as que lograban entrar a concurso para, posteriormente, ser avaliadas por un xurado experto”, indican os organizadores. Finalmente, o ditame deste tríade formado por un membro da Agrupación Apícola de Galicia, o fotógrafo profesional Ángel Sotelo e un compoñente da axencia de branding Naranjalimón Branding 360º, deuse a coñecer hoxe, 19 de abril.