Cunha reivindicación e un minuto de silencio arrancaba o partido da xornada 14ª no campo José Arjiz entre o Verín CF e o Antela FC. Antes de comezar o encontro, os xogadores de ámbolos dous equipos amosaban o seu apoio ás protestas polo peche do paritorio no Hospital de Verín portando unha pancarta coa mensaxe “non permitas o desmantelamento, abraza o teu hospital “. E xa no terreo de xogo, e antes de que o colexiado pitase o inicio do partido, mantíñase no campo un minuto de silencio polo falecemento da nai dun dos xogadores vermellos, Iago Garrido.

Con respecto ao partido en si, poucas novidades, cunha contundente vitoria do equipo local que se sitúa máis líder que nunca. Nada máis comezar, Hugo abría o marcador vermello rematando a primeira parte co 1-0 no marcador. Xa na segunda metade, era Víctor quen poñía o 2-0 no minuto 59, sentenciando o encontro o gol de Alberto rozando xa o tempo de desconto. Ao final 3-0 e tres puntos máis para o Verín que suma 40, moi afastado do segundo clasificado, o Santa Teresita, con 27.
A seguinte cita para os rapaces de Manel Vázquez será o vindeiro domingo 15 de decembro na cidade das Burgas, contra o equipo B do Ourense CF, sétimo clasificado.
Fotos: Carlos G. Hervella