En portadaÚltima horaVídeos

O VI FIC Vía XIV de Verín ponse en marcha co documental “Tierra de leche y miel”

Este filme está codirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera, quen foi membro do equipo do festival

 

Cos traballos audiovisuais que protagonizarán a sexta edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín, arrancaba esta mostra ás 20h. deste sábado 4 de outubro no Auditorio de Verín. Unha proxección que se acompañaba da banda sonora do FIC, obra dun dos seus creadores, Jorge Godás. A partir de aí, subíase ao escenario a concelleira de Educación, Cultura e Festexos de Verín, que é ademais coordinadora do FIC, Emilia Somoza, quen daba a benvida a esta sexta edición e poñía en valor a trascendencia deste evento cultural, que vai máis alá da vila.

“Poder pronunciar estas palabras de benvida nun evento deste calibre, con todo o que estamos vivindo, é un auténtico orgullo e unha gran alegría. Estas palabras neste momento son máxicas, abren a esperanza á normalidade da vida. Dalgún modo o FIC dende a súa creación tamén abriu esta porta de esperanza a un modo diferente de interpretar a cultura a través de diferentes actividades e do propio cine. Este festival pouco a pouco foise instalando na nosa vila ata que ocupou o sitio, do mesmo modo que o fixeron outros eventos, como a batucada”.

 

A concelleira de Cultura, Emilia Somoza./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A edil de Cultura verinesa tamén amosa de forma moi sentida o seu agradecemento ao festival “ao que lle debemos moitas cousas. Primeiro aos seus creadores, ese equipo, esa organización que ano tras ano traballa e loita pola súa continuidade e pola súa calidade, solventando dificultades moi importantes, pero que seguen mantendo as ganas e a ilusión na seguinte edición. Hai un montón de oportunidades que tamén debemos de agradecer”.

Oportunidades que ía enumerando unha a unha, como a “oportunidade que lle deu a Verín de saír ao mundo pola gran pantalla viaxando por continentes e chegando a países que debemos ata buscar no mapa”, ou a de que a esta vila “cheguen as súas curtas, os directores, os actores, e a través deles coñecer outras culturas e outros modos de vida”. Tamén a oportunidade de implicar con éxito ao comercio e á hostalaría, local, “creando así un ambiente festivo que se respira pola rúa”. Ou a oportunidade “que se lle dá á mocidade de involucrarse no mundo audiovisual a través do seu voluntaridado, mostrándolle á súa vez, opcións laborais atractivas e modernas, mesmo este ano amosaremos o traballo do fin de grao que presenta o documental “Capuchóns”, de Íñigo Rolán. Somoza finalaba a súa intervención amosando ademais o seu agradecemento ao público do FIC, “que asiste cada ano facéndoo posible”.

 

O verinés Héctor Domínguez-Viguera, codirector de “Tierra de leche y miel”.

 

Héctor Domínguez-Viguera: “Tierra de leche y miel é unha película que nos transformou profundamente”

A apertura continuaba coa preestrea en Galicia do documental “Tierra de leche y miel”, producida por Cercalo Films e dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora. Era este último quen se dirixía ao público para presentar este traballo, cuxa andaina se iniciaba no ano 2016. “Durante os dous primeiros anos realizamos dúas longas viaxes de filmación e dos dous seguintes foron de montaxe. Foi unha película moi difícil pola forma final que adquiriu, pero marabillosa de realizar”, comentaba Mora.

Tamén destacaba que esta película supuxo “un punto de inflexión para nós, non só a nivel cinematográfico, pois é a nosa primeira longametraxe, senón tamén a nivel persoal e vital. Permitiunos coñecer o mundo máis alá das pantallas, de internet, da prensa… e ás persoas que o habitan, coas que compartimos moitísimo tempo para facer este filme. Coñecémolas profundamente. Todos os nosos protagonistas, dun xeito ou doutro, sufriron as consecuencias dunha guerra que chegou aos seus distintos países (Grecia, Bosnia Herzegovina e Xeorxia) e obrigounas a abandonar inxustamente as súas casas. Tivemos a oportunidade de coñecer de primeira man cal foi o seu pasado e que esperan do futuro. Aprendemos moitísimo deles, pero, sobre todo, admiramos a súa forza para erguerse e seguir día a día. Este día foi o que retratamos na nosa película”.

“Tierra de leche y miel” ganaba a sección DOC na 65 edición do festival Seminci de Valladolid e o seu equipo directivo está moi ligado ao FIC, que co seu patrocinio fixo posible a finalización deste documental. Así o apuntaba o codirector verinés da película, Domínguez-Viguera, a través dun vídeo que se proxectaba no Auditorio, no que explicaba a imposibilidade de poder estar fisicamente. “Hoxe é un día importante para Verín, dalgún xeito, péchase un círculo”. Ademais resaltaba que este documental “transformounos profundamente, é unha película para ver co corazón e coa mente”. Tras a proxección, tiña lugar un coloquio.

 

 

Internacionalización do FIC

No decurso deste acto inaugural presentábanse tamén as principais referencias desta sexta edición do festival: dende as singularidades das curtas que competirán na sección oficial (un total de 26, encadradas nas catro categorías clásicas da mostra: Nova, A Raia, Horizontes e Outra Mirada) ata a completa axenda de actividades paralelas previstas vencelladas coa cinematografía, entre elas destaca unha dirixida aos cativos e cativas da casa. Trátase do pase do clásico de Disney, “Fantasía”, realizado en 1940 e que poderá verse en Verín na mañá do 12 de setembro.

Por vez primeira, ademais, as curtas oficiais a concurso poderán seguirse online a través de festhome no enlace https://tv.festhome.com/festivaltv/fic-via-xiv .

 

 

As 26 curtas a concurso proceden de 12 nacionalidades diferentes, o que amosa o alto grao de internacionalización acadado polo festival. Así, na sección Nova proxectaranse os traballos: “Grab Them”, “Autopsia de un relato periodístico”, “La colcha y la madre”, “Forastera”, “Stephanie”, “The Game”, “The letter room”, “Sticker”, “A cambio de tu vida”, “Da yie”. No caso da categoría A Raia figuran as pezas: “A mordida”, “Somos cárcere”, “Reality”, “La penumbra”, “O cordeiro de Deus”, “Os corpos”, “Elo”, “Augas abisais”. E en Horizontes competirán “Aniksha”, “La Ermitaña”, “NHA Mila”.

Finalmente, en Outra Mirada están incluídas as curtas “Á propos de Lanzarote en Gènèral”, “A film”, “The end of suffering” e “Maalbeek”, ademais de “Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje”.

Ademais, das curtas oficiais, poderá verse en Verín unha retrospectiva de filmes do Tempo Documentary Festival, festival convidado nesta edición polo FIC Vía XIV.

Homenaxe e presentacións

No Festival Internacional de Curtas de Verín renderase, ademais, homenaxe a unha figura sobranceira do audiovisual ourensán como é o actor e comunicador Sergio Pazos.

O FIC Vía XIV de Verín acollerá tamén unha presentación da webserie ourensá “Os tempos mortos do Führer” e a estrea do documental “Capuchóns”, realizado polo verinés Iñigo Rolán Taboada como traballo de fin de grao. A musicalización de cinema mudo en directo, a cargo do Casperverk Trío e a presentación do libro Son para audiovisuais, de Rafael Godás Ibáñez, protagonizarán tamén cadansúa actividade paralela no marco da vindeira edición do FIC.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button