Este 2022 está sendo un ano moi completo e intenso para o modisto vianés Jorge De Álvarez, non só por ter sido o encargado de vestir a Tanxugueiras para o Benidorm Fest (antesala española de Eurovisión 2022) e parte da súa xira, así como a personalidades televisivas como a presentadora Esther Estévez para os Premios María Casares, senón porque deseñou unha espectacular e vistosa colección que está dando moito de que falar.
‘Empty Noise’ está inspirada na guerra interna de cada persoa que se viste para combater día a día unha guerra que non é visible, como a ansiedade ou a identidade de xénero. Trátase dunha colección na que predominaron os tons negros, azul noite, grises e vermellos, destacando looks que se asemellan ao uniforme dun aviador ou toureiras con detalles nas costas.
Deseños de corte militar pero co toque persoal de Jorge De Álvarez que pasaron xa por varias pasarelas. A primeira foi a da Mostra do Encaixe de Camariñas, despois viaxaría ata Madrid para presentarse no hotel Savoy Alfonso XII da Cadea Petit Palace e máis tarde, en plenas festas patronais, conquistaba ao público en casa, en plena rúa do Toural, en Viana do Bolo.
Agora, a piques de despedir o ano, Jorge e a súa colección viaxarán ata a provincia da Coruña para participar no desfile de moda organizado po Aecor e Galicia de Moda que se celebrará o vindeiro 29 de outubro no Museo do Traxe Juan José Linares. Estará presentado por Esther Estévez e terá tres pases.