ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O vianés Piquico viste de Entroido o Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense

Peliqueiros, felos, vergalleiros, pantallas, madamitas ou a pita convértense en mobles-esculturas policromados na exposición “Entroido. Mobiliario vestido” nesta exposición

 

O Entroido a través dos seus personaxes é o protagonista absoluto da exposición “Entroido. Mobiliario vestido” do escultor vianés  Ángel Manuel Rodríguez Romero “Piquico”, mostra inaugurada na tarde do pasado xoves no Centro Cultural da Deputación Marcos Valcárcel en Ourense. “Libélulas, bolboretas, pitas, galos, paxaros xigantes, cabalos, mulas son nesta exposición sinécdoques (elementos que portan dun modo ou doutro o vestido, que é un totum) que emerxen nunha especie de bestiario popular que vive na vida cotiá dun grupo humano localizado. E é o home o que porta estes símbolos e as máscaras, tales como pantallas, cigarróns, peliqueiros, boteiros…”, en palabras de Piquico

O acto inaugural desta mostra, que poderá visitarse ata o 26 de febreiro- coa presenza da deputada barquense Luz Doporto; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista. Ademais nesta inauguración Piquico estaba acompañado por outros vianeses como é o caso do Mago Teto.

 

 

Na súa intervención, Luz Doporto resaltou a potencia dunha mostra que reflexiona acerca do Entroido a partir de “obras tremendamente libres” e nas que ten un especial protagonismo a madeira, con pezas de gran formato como “Rotonda do Entroido”, de máis de 5 metros e que acolle a peliqueiros, cigarróns, felos ou pantallas, entre outros personaxes da festa por excelencia de Ourense.

“O Touro de Celavente” nace dunha mesa reconvertida dun confesionario, a “Mázcara de Buxán” -O Bolo- é un botelleiro e “A Pita de Eiroás” é un banco-escritorio, nun universo onde todo está permitido e no que unha Libeliña-pantalla de 3 metros voa por enriba de nós.

 

 

O director do Marcos Valcárcel salientou o compromiso deste centro cultural co Entroido e lembrou a programación de diferentes mostras vencelladas a esta celebración nos últimos anos.

Pola súa banda, o historiador da arte Luis Antonio Vázquez Estévez lembra que “o Entroido alude a ese paraíso no que todo está permitido, onde o home racha as barreiras xerárquicas con total liberdade, relativiza o poder e establece as súas propias normas para acadar finalmente o camiño do irracional e excesivo durante un período limitado”.

 

 

O Entroido, explica Vázquez Estévez, “vén sendo a inmortalidade do pobo. Velaquí, do mesmo xeito, a liberdade creativa de Piquico racha moldes no concepto e a forma. O concepto consiste en tallar esculturas aparentemente funcionais, esculturas-moble, pero este non é o seu fin fundamental, aínda que si parte do seu sentido. A escultura é un personaxe vivo na acción do Entroido, pero aquí, inmóbil, é xa un moble ou una escultura-tótem”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button