ConcellosÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

O VIII Festival ViBoMask Mascarada ibérica celebrarase do 17 ao 19 de marzo en Viana e Vilariño

Un Boteiro de Mormentelos (Vilariño de Conso) e outro vianés, na pasada edición da ViBoMask./ Foto: A.R.

 

A organización do Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica vén de anunciar a oitava edición deste evento, que ten como escenarios Viana do Bolo e Vilariño de Conso, celebrarase desta volta os días 17, 18 e 19 de marzo.

“O feito de que este ano o Entrudio caia “relativamente” baixo (é dicir, que estea próximo ás datas de Nadal) fai que sexa preferible celebrar o evento en marzo por cuestións de administración e loxística. Isto non significa que o traslado de mes da mascarada sexa definitivo, simplemente este ano é a opción máis axeitada. En calquera caso, ViBoMask mantense fiel ao seu principio de exhibir diferentes mascaradas no marco contextual que lles é propio: unha contorna rural e en inverno”, explican os promotores da iniciativa.

Ademais, adiántase que, como viña sendo habitual, “o sábado á tarde terá lugar o desfile en Viana do Bolo e o domingo á mañá en Vilariño de Conso”. No referente ao resto de actividades culturais do programa, a organización indica que “seguimos traballando nelas e publicarémolas a medida que as vaiamos concretando. Ata entón, desexámoslles moito ánimo cos preparativos aos compañeiros de todas as mascaradas e entroidos. Que xa están aí!”, conclúen.

Na súa anterior edición, no 2022, este evento reunía preto de 40 festas de inverno de diferentes puntos da Península Ibérica.

 

Back to top button