O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participaba onte na cerimonia de entrega dos XIII Premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal, considerados unha das distincións máis sobresaíntes no eido da investigación biomédica en España.
Os galardóns contaron con dúas homenaxeadas: a doutora Manuela Gago, receptora do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica e Científica polo seu traballo á fronte do Grupo de Xenética e Epidemioloxía do Cancro no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago; e a doutora Noelia Tarazona, galardoada co VI Premio a Talentos Emerxentes, pioneira no uso de biopsia líquida na detección de cancro colorrectal, especialista en Oncoloxía Médica no Hospital Clínico Universitario de Valencia e investigadora do Instituto de Investigación Biomédica INCLIVA.
No ao acto, ao que tamén acudía o oncólogo vilamartinés, Rafael López Rueda salientou o liderado e a excelencia dos profesionais galegos na investigación contra o cancro e o papel destacado de Galicia dentro do sector. Subliñou que “estes premios demostran o compromiso de Galicia pola investigación para mellorar a vida das persoas”.
O presidente da Xunta remarcou a aposta da Administración autonómica por reforzar áreas como a prevención, a detección precoz, o diagnóstico avanzado e o acceso equitativo a tratamentos innovadores. Neste senso, lembrou as dúas estratexias fundamentais activadas en Galicia para a loita contra a enfermidade: a Estratexia de Xestión do Cancro, que combina medidas de saúde pública con melloras asistenciais; e a Estratexia de Oncoloxía de Precisión, posta en marcha en 2014, que impulsa a aplicación de terapias personalizadas para mellorar a eficacia dos tratamentos.



