CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O vindeiro 9 de setembro comezará o curso escolar en Educación Infantil, Primaria e Especial

Na provincia de Ourense, comezan este ano un total de 17.820 alumnos: 5.285 en Infantil, 12.419 en Primaria e 117 e Especial

 

O xoves 9 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial para 187.624 alumnos, dos cales 17.820 farano na provincia de Ourense.

Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 55.698 alumnos comezan este ano nas aulas de Educación Infantil (2.356 escolares menos que no curso anterior) dos cales 5.285 farano na provicia de Ourense (3.547 en centros públicos e 1.738 en centros privados concertados).

Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 130.774 alumnos tamén comezan o vindeiro xoves as clases de Educación Primaria en Galicia (2.482 escolares menos que o ano pasado) dos cales 12.419 farano en Ourense (8.284 en centros públicos, 4.135 en centros privados concertados).

No que atinxe á Educación Especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1.152 alumnos (6 máis que o curso pasado), dos cales 117 farano na provincia ourensá (76 alumnos en centros públicos e 41 en centros privados con concerto).

Servizos complementarios

O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería. Este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 78.713 (1.653 máis ca no 20/21), das cales 16.658 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas –ou convenios de colaboración– da Consellería neste concepto para ambas entidades. En total o departamento educativo da Xunta xestiona 417 comedores, deles 281 de forma directa e 136 de forma indirecta. Pola súa banda, as ANPAS son responsables de 203 comedores e os concellos de 51. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería subvenciona os menús de arredor de 4.754 comensais nestes 51 centros escolares de 16 concellos de toda Galicia. A maiores tamén destina axudas a Anpas para a xestión dos comedores, que este ano se duplican ata acadar os 1,2M€.

Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 498 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 14 entidades, cun orzamento de máis de 210.000€.

No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais– a 85.531 alumnas e alumnos de 773 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 363 alumnos de centros de Educación Especial que non son públicos a través de convenios con 17 entidades, cun orzamento de máis de 1M€. Deste xeito Galicia volve ser a primeira Comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario.

Artigos relacionados

Back to top button