“A licitación do novo concurso de transporte sanitario terrestre pretende consolidar o proxecto iniciado no ano 2019”. Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da cámara, referida ás melloras que vai recoller o novo contrato de transporte sanitario urxente.
O conselleiro de Sanidade sinalaba que o servizo a disposición do 061 co contrato vixente conta con 15 ambulancias máis das que existían no ano 2008, o que incrementou as mobilizacións anuais destes recursos preto dun 25% respecto ao dito ano. En consecuencia, García Comesaña asegurou que a Xunta formulará a licitación do novo contrato buscando dar continuidade a un modelo que está dando bos resultados no seu obxectivo, que é asegurar a accesibilidade, equidade, eficiencia e sostibilidade dunha asistencia urxente de máxima calidade ao conxunto da poboación. Lembrou que a cualificación global da atención recibida polos usuarios do transporte sanitario urxente foi superior ó 93% nas enquisas de satisfacción realizadas polo 061.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro sinalou que a licitación do novo concurso de transporte sanitario pretende adaptarse a unha nova situación económica que require un incremento dos fondos, pois o contrato xa experimentará unha importante subida ao contemplar un incremento dos salarios do persoal do 4%, equivalente ao que experimentaron os empregados públicos.
Nese sentido, avogou por “abordar o mapa de recursos con criterios de necesidade asistencial e buscando a máxima eficiencia tendo en conta que, cada nova ambulancia, co seu persoal asociado, supón un investimento de ao redor de medio millón de euros”.
Así, avanzou que os aumentos do mapa de recursos xirarán en torno á consolidación de dúas liñas de traballo iniciadas no concurso do ano 2019. A primeira delas será estender o modelo de ambulancias de soporte vital avanzado de enfermería. Estas ambulancias, que actualmente están presentes nas cidades da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela e Pontevedra, xurdiron no 2019, “e, nestes catro anos, gozaron dunha boa aceptación polos profesionais sanitarios e a poboación”, afirmou o conselleiro. De feito, “máis do 96% das súas asistencias foron resoltas autonomamente, sen necesidade de mobilizar recursos medicalizados”.
Comesaña remarcou que o Executivo galego considera que, co novo concurso de transporte sanitario terrestre, “é o momento de achegar estas ambulancias a outras poboacións semiurbanas con extensa área de cobertura e longas distancias ao hospital de referencia, como é o caso de Lalín, cunha gran dispersión poboacional e distancias ao hospital de referencia superiores aos 50 kms”.
En consecuencia, -dixo Comesaña-, “engadir este novo recurso permitirá trasladar ao paciente durante os longos traxectos, podendo recibir tratamento durante o traslado sen necesidade de mobilizar ao equipo de atención primaria, o cal permanecerá operativo no centro de saúde para a atención das urxencias que poidan xurdir”.
Xunto ao anterior, o conselleiro anunciou que a Xunta buscará tamén neste novo concurso reforzar a liña de cardioprotección das zonas rurais que ten funcionado en zonas como Pedrafita ou Folgoso do Courel.
Neste sentido, o novo concurso de transporte sanitario urxente proporá localizar “unha ambulancia convencional con base no concello ourensán da Veiga e zona de cobertura preferente no mesmo municipio, que conte cun desfibrilador externo semiautomático e un técnico en emerxencias sanitarias con formación no uso do mesmo”. Deste xeito, -dixo Comesaña-, en caso de emerxencia, acúrtanse os tempos ata a masaxe cardíaca e a desfibrilación temperá, únicas manobras que demostraron incrementar a supervivencia e diminuír as secuelas.
O conselleiro aproveitou para lembrar a recente autorización por parte do Consello da Xunta este mes dun novo contrato de transporte sanitario urxente aéreo por valor de case 10 millóns de euros. Este contrato ampliará as horas dun servizo de helicópteros sanitarios que realiza agora o dobre de saídas das que realizaba en 2008.