
Considerado un dos mellores eventos de gastronomía do mundo, San Sebastián Gastronomika abría as súas portas o 7 de outubro. Neste certame, que se desenvolverá nesta cidade vasca ata o vindeiro 10 de outubro, participa por cuarta ocasión o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Un total de “21 adegas valdeorresas, case a metade das amparadas baixo o selo deste consello están presentes no foro”, destaca o presidente da D.O., José Luis García Pando. Nel darán a coñecer “un total de 52 referencias distintas”.
Coa participación novamente neste certame, a D.O. Valdeorras busca “asentar o coñecemento dos viños valdeorreses no norte de España”. Tal e como explican dende este organismo, “as comunidades do norte son, xunto a Madrid, as zonas do Estado nas que maior presenza teñen os viños da comarca e seguir fortalecendo a marca Valdeorras nestes territorios é unha prioridade dentro dos obxectivos promocionais do Consello Regulador”.
Ademais esta entidade avanza que nos vindeiros meses ten previsto desenvolver accións divulgativas dos viños da comarca en territorios onde teñen menor presenza como pode ser o Levante ou o sur de España.