EconomíaEconomíaÚltima hora

O viveiro empresarial da Veiga é un dos beneficiarios da liña de axudas da Xunta

Visita do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez.

 

Tres viveiros industriais ourensás poderán mellorar as súas instalacións grazas á liña de apoios convocada pola Consellería de Economía e Industria para a creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas destes espazos en parques empresariais da Comunidade galega. Así o explicaba o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, durante a visita que realizaba na mañá deste xoves 22 de agosto ao viveiro da Veiga, un dos 3 beneficiarios na provincia de Ourense da convocatoria deste ano, xunto co de Vilamarín e O Carballiño.

Nesta liña, Vázquez lembrou que este ano a Xunta destinou 1,5 millóns de euros a esta orde de axudas que, como novidade, incorporou a posibilidade de levar a cabo actuacións de dotación ou reforma de equipamentos e infraestruturas nos viveiros industriais que actualmente están en funcionamento. No caso de A Veiga, contará cunha achega de 75.000 euros para levar a cabo traballos de mellora, o mesmo importe que recibirá O Carballiño, mentres que no de Vilamarín serán algo máis de 43.000 euros. En total, estes tres municipios ourensás recibirán preto de 200.000 euros.

O secretario xeral de Industria explicou que a convocatoria deste ano contemplaba outras novidades como a ampliación ata os 48 meses do período de acollemento dos negocios ou a posibilidade de incorporación doutras empresas non industriais que xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial.

As subvencións desta liña de axudas permiten achegar ata o 80% do investimento elixible, cun máximo de 240.000 euros no caso da creación de viveiros e de 75.000 euros para a realización de melloras ou dotación de equipamento e infraestruturas. Os beneficiarios poden recibir anticipos de ata un 25 % da axuda concedida. ­

Artigos relacionados

Back to top button