OurenseÚltima hora

O X Torneo internacional de ximnasia rítmica reunirá en Ourense a máis dun milleiro de deportistas

Organizado polo Club Marusia, no pavillón de deportes Paco Paz daranse cita desde hoxe e ata o domingo, 60 clubs procedentes de diversos puntos da xeografía nacional, así como da Arxentina e Portugal

Manuel Pérez, Armando Ojea, Pilar Vázquez, Manuel Baltar e Roberto Rodríguez, na presentación.

 

Desde hoxe, xoves 14 de abril e ata o domingo 17, o pavillón de deportes Paco Paz reunirá a máis dun milleiro de deportistas que participarán no X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal de ximnasia rítmica, organizado polo Club Marusia e a Deputación de Ourense coa colaboración da Xunta. Os detalles desta cita eran presentados nun acto no que participaron o presidente provincial, Manuel Baltar; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e a presidenta e mailo representante da directiva do club, Pilar Vázquez e Roberto Rodríguez.

Manuel Baltar remarcou o traballo e ilusión desenrolados na organización desta proba, incidindo na aposta da Deputación polo turismo deportivo: “Este torneo non é froito da casualidade. Son 1.100 deportistas que estarán aquí coas súas familias. É importante a nivel deportivo e tamén de visibilidade do territorio, cun evidente retorno turístico e económico”.

Pilar Vázquez puxo de relevo a importancia que adquiriu este torneo e que se reflicte no continuo aumento do número de inscricións, pasando dos 165 ximnastas na primeira edición (2011) aos 1.100 deportistas que participarán este ano. Destacou ademais a presenza de máis de 60 clubs procedentes de diversos puntos da xeografía nacional, así como da Arxentina e Portugal, con ximnastas pertencentes á selección española sénior e júnior e ao combinado portugués sénior absoluto.

 

Ximnastas do Club Marusia.

 

Para a presidenta do Club Marusia, este torneo ten como obxectivos o fomento do deporte feminino, en particular da ximnasia rítmica, así como a apertura de liñas de colaboración con equipos rexionais, nacionais e mesmo internacionais desta disciplina. Pero tamén, subliñou, preténdese situar á provincia de Ourense e Galicia no primeiro plano deste deporte e, ademais, contribuír ao desenvolvemento económico do territorio ourensán impulsando o turismo deportivo.

As probas do X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal de ximnasia rítmica comezan hoxe coa competición de conxuntos de nivel escolar e individuais de promoción e pre-base. Mañá, venres día 15 será a quenda para os conxuntos de promoción e individual base e masculino. Na xornada do sábado participarán os conxuntos de copa base e individual absoluto e xa o domingo celebraranse as finais individuais e de conxuntos absolutas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button