A RúaConcellosEn portadaÚltima hora

O xantar da Festa do Codillo congrega a máis de 1.200 persoas no pavillón da Rúa

 

Un ano máis a Festa do Codillo da Rúa enchía o pavillón municipal Victorino Núñez nunha animada XVI edición. No mediodía deste sábado 25 de xaneiro, tralas homenaxes a Lilí e Autoneum no Centro Cultural Avenida da Rúa, celebrábase o tradicional xantar popular ao que asistían 1.250 persoas, que ocupaban a totalidade do pavillón a excepción do espazo para a barra do bar (rexentada novamente polo CD Rúa) e para a actuación do grupo No All Kansas e Dj Marco encargadas de amenizar o comezo e o final da festa.

 

 

E entre medias, un ano máis ao ritmo de bandas sonoras cada vez que aparecían os camareiros, os asistentes degustaron o menú de luxo. Como entrante, Consomé con Picatostes ao ritmo de Mamma Mía (James Last); como prato principal, Codillo acompañado de Grelos, Chourizo e Cachelos ao ritmo de Oh! Pretty Woman (Roy Orbison); e de sobremesa, Sorbete de Limón ao Cava de Almendralejo ao ritmo de Mi limón, mi limonero (Ray Richardson), Bica e La Torta ao ritmo de Sweet Caroline (Neil Diamond). O café e os licores eran servidos ao ritmo de Vivir Así es Morir de Amor (Camilo Sexto).

 

 

Entre os asistentes, coma sempre xente de todas as idades, moitos da Rúa, do Barco, de Rubiá,…, a delegación de Almendralejo, xente de Valladolid e Vigo e ata un señor de Madrid de máis de 90 anos que leva moitos anos vindo á Rúa. Tamén políticos, representantes dos concellos veciños; o director da Axencia de Turismo de Galicia, o rués Xosé Manuel Merelles; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; ou o subdelegado do Goberno en Ourense, o barquense Eladio Santos, entre outros. Entre os grupos, a Peña Rodas era unha das que participaba activamente na festa.

 

 

 

 

Fotos e vídeo: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button