En portadaÚltima hora

O Xeodestino Ribeira Sacra supera as expectativas de ocupación hoteleira nesta ponte de maio

"Estamos ante as cifras de ocupación para esta ponte máis altas dende que temos rexistros; son un 21% superiores ás do ano pasado", destacan dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Valoración moi positiva dos datos turísticos que deixa a recente ponte de maio na Ribeira Sacra. A ocupación dos aloxamentos sitúase nun 85%, que desagregado queda do seguinte xeito: Hoteis 4 e 3*: 97,5% (+7,5% sobre previsións), Turismo Rural: 84% (+7% sobre previsións), Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 85% (+6% sobre previsións) e outros aloxamentos: 74 % (+8% sobre previsións), segundo o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

“Cos datos recollidos ata o de agora, 2 de maio, supéranse nun 7% as previsións que os aloxamentos tiñan a mediados da semana pasada. Aínda que os datos non son facilmente comparables con anos anteriores por coincidir a festividade do 1 de maio en domingo, estamos ante as cifras de ocupación para esta ponte máis altas dende que temos rexistros; son un 21% superiores ás do ano pasado.
Como se prognosticaba nas previsións, os hoteis de maior categoría (4 e 3 estrelas) volveron marcar as ocupacións máis altas”, resaltan dende a xerencia do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

Servizo de Lanzadeira ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Na pasada Semana Santa poñíase en marcha unha proba piloto para dar servizo de acceso a un dos recursos máis visitados do xeodestino, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; un recurso que, polas características da súa ubicación, carece de espazo de estacionamento suficiente, polo que a xestión do tráfico na contorna en momentos de maior afluencia turística non é doada e pon en perigo o propio monumento dado o elevado número de vehículos rexistrados.

“Tralo éxito desta proba, con 5.200 usuarios entre o 1 e o 9 de abril, decídese retomar o servizo para outra das pontes máis concorridas do calendario. Este servizo, gratuíto, estivo en funcionamento entre o sábado e o luns (incluídos), en horario de de 11:00 a 14:30 e de 15:45 a 19:30 horas. A reserva previa de prazas non era precisa, xa que as frecuencias da lanzadeira foron continuas nesa franxa horaria”, indican dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Confirmouse novamente, engaden dende este organismo, “a necesidade dun servizo coma este para protexer e controlar os aforos nos recursos máis vulnerables; un total de 2.272 persoas fixeron uso do servizo durante os 3 días da ponte. O domingo e o luns foron as xornadas con máis afluencia de visitantes, rexistrándose cifras iguais ás dos días centrais da Semana Santa”.

O servizo financiouse con cargo á partida de Transportes Sostibles do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, Axencia de Turismo de Galicia e Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e na que tamén se recollen iniciativas semellantes como as lanzadeiras á Praia da Cova ou á do mosteiro de Santa Cristina, que leva 2 anos en funcionamento.

Artigos relacionados

Back to top button