Cunha charla-proxección sobre as exploracións realizadas ata o momento na Sima Aradelas (Folgoso do Courel), a máis profunda de Galicia, iniciábase na tardiña do venres 18 de setembro o I Encontro Ibérico de Espeleoloxía “Iberepeleo” no Centro de Investigacións Científicas do Courel en Seoane, coa participación de medio cento de persoas. Este foro, que xurde á iniciativa da Secretaría da Federación Española de Espeleoloxía (FEE), está sendo organizado polo Espeleoclub Aradelas coa colaboración da Federación Portuguesa de Espeleoloxía (FPE) e co apoio do Xeoparque Mundial Montañas do Courel.
Era o presidente do Espeleoclub Aradelas, Iván Rial, quen abría o acto explicando que a aposta por organizar este primeiro encontro coincidía coa celebración do 40 aniversario do club, que leva ademais da sima máis profunda de Galicia. E antes de falar sobre ela, cedíalle a palabra ao presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro, quen agradecía que se elixise esta ubicación como a primeira para este foro. “Para min é un auténtico orgullo e unha gran satisfacción que escollerades o noso territorio para facer o primeiro encontro espeleolóxico da península ibérica”, tendo en conta que “o modelado kárstico que temos na península é enorme, con grandes covas de quilómetros e quilómetros”.
Aínda así, matizaba Castro, o kárstico é un recurso moi interesante e potente dentro do Xeoparque, “non temos ningunha cova preparada para visitas turísticas, nin tampouco é a nosa intención, pero si pretendemos achegar a espeleoxía ao público en xeral a través dunha serie de traballos e actividades, contando coa vosa colaboración imprescindible. Unha delas é levar aos nenos ás covas e facer actividades con eles”. Ademais, lembraba a aposta do Concello de Folgoso do Courel por crear o Centro de Interpretación das Covas, situado na aldea de Meiraos. “Permite coñecer como se forma o modelado kárstico e descubrir como é o subsolo do noso territorio sen ter que entrar nel”.

A continuación poñíase o foco na cova de referencia deste territorio, a Sima Aradelas. “Moitos dos que estades aquí xa coñecíades a parte digamos clásica da cova pero con este encontro ides ter a oportunidade de descubrir a sección nova descuberta nos últimos anos e agora son máis de 2 km de cavidade”, explicaba Iván Rial.

Pero, antes de entrar nesas últimas descubertas, Benigno Iglesias “Nocho”, actual presidente da Federación Galega de Espeleoloxía e un dos pioneiros na exploración deste gruta alá por 1978, cando apenas tiña 16 anos, lembraba como eses primeiros pasos entre 1978-1980, da man do GES Santa Clara e do GES Montañeiros Celtas. E detallaba como a persistencia, na procura de buratos que tivesen continuidade, xunto coa mellora dos medios e técnicas co tempo, permitiu ir avanzando paseniñamente. “Durante anos a Sala do Buzón considerouse o final da cova e alí xa comezaban a aparecen unhas concrecións, pero polo camiño foron quedando varias incógnitas”. Posteriormente, o Espeleoclub Aradelas descubriu novos pozos e pasaxes subterráneas, elaborando o primeiro mapa completo da cavidade en 1987.

Xa no ano 1991 os membros do Val da Néboa movían uns bloques e lograban acceder, a través dun pasiño estreito, a unha nova sala “enorme, cunhas coladas e que en momentos de carga de auga ten unha fervenza espectacular”. Era a Sala Monforte, ata ese intre, o final da cova.
Nos anos posteriores houbo pequeniños descubrimentos, “pero sempre permanecía ese run run dun burato que podía ter continuidade, que igual poderíamos ter escalado… Ese soño recorrente que temos ás veces de , a ver se atopo un pozo tremendo e galerías. E, despois, pasou o que pasou e ese soño cumpriuse”, concluía Nocho.

No ano 2024 a unión e colaboración dunha ducia de clubs galegos e asturianos facía posible ese soño, logo dunha exploración exhaustiva e rigorosa de Aradelas. “A exploración supuxo moitos días, moitas horas, escando todo o que se podía escolar. Iso permitiu descubrir unha cara moi distinta de Aradelas, que se coñecía como unha cova fea, todo un sector novo cheo de formacións (estalagmitas, estalactitas, columnas, gours, pisolitas, helicitas ou excéntricas), ata 2 km de galerías e pozos virxes, o lago Hydra… A cova máis profunda de Galicia xa non era fea. E foise explorando todo”, comentaba Rial. O que implicou o uso de 400 m de corda, 300 chapas e 250 mosquetóns. “A parte nova descubriuse tras unha escalada duns 20 metros”. Ademais atopábase unha nova entrada á sima, que foi chamada cova Emilio, en memoria do espeleólogo falecido Emilio Ballesteros. Tamén era mestre de escola e contribuíu a iniciar a centos de cativos na espeleoloxía durante máis de 20 anos.

O presidente do Espeleoclub Aradelas explicaba a evolución dese labor e, ao mesmo tempo, facía un percorrido visual, apoiándose en fotografías, por ese novo sector da sima, con lugares como a Galería do Belén, Meandro Anduriña, Galería do Ferreiro, Meandro Rafael, Pozo do Camello, Galería Pepe, Sala Caselo, Gour e Pichoca, Galería Lembranzas… “Xa cando organizamos a exploración, sempre intentamos varrer cara casa e os nomes das salas e das galerías que se descubriron en Aradelas levan os nomes dos restaurantes e dos bares da zona”, apuntaba Iván Rial.

Pola súa banda, o secretario do club, Bernardo Vila, resaltaba que ao longo desas exploracións, “o traballo organizábase de forma que sempre se ían deixando incógnitas, cuestións pendentes, para a seguinte fin de semana para que os que viñesen puidesen ter iso en conta. Tratábase de facer equipo, de compartir experiencias e coñecemento, para que a xente puidese participar da exploración e ter a posibilidade de poñer un pé nun anaco de cova no que non pisara ninguén antes”. A exposición finalizaba cun vídeo da cova, cuxo interior se percorría ao longo deste sábado cunha ruta técnica na que participaban unhas 36 persoas.
Para as 20:15h. esta prevista unha charla institucional da Federación Portuguesa de Espeleoloxía (FPE), a cargo do seu presidente, Manuel Soares, quen abordará o labor deste organismo dende as súas orixes, hai corenta anos atrás . “Achegando documentación bibliográfica, mencionando algunhas fontes e explicando como foi o proceso de formación do que hoxe é a nosa federación”. Ademais abordará que momento vive nestes momentos a espeleoloxía en Portugal.

O obxectivo: unir forzas e impulsar a espeleoloxía na península
A pretensión principal deste I Encontro Ibérico é retomar o contacto entre as federacións nacionais de ambos países, que se interrompían tras a desaparición durante case 12 da federación española, agora recuperada. De feito esta iniciativa, que nace con vocación de continuidade, é que se celebre de forma alterna en España e Portugal, organizada en cada edición por clubs do país ao que lles corresponda ese ano.
“Pensamos que é un moi bo momento para volver impulsar a federación española e reanudar o contacto coas federacións doutros países. E creo que a proposta, por parte do Espeleoclub Aradelas de coller o guante este ano, apoiado pola Federación Galega de Espeleoloxía, foi imprescindible, sen eles non tería sido posible”, resalta Hilario Ubiedo, presidente da FEE.

Nesa liña para este sábado 19 de setembro estaba xa prevista unha reunión para comezar a consensuar “distintas actividades para os próximos anos, pensamos que a unión fai a forza e iso é o que pode impulsar a espeleoloxía tanto en Portugal para a súa delegación, como en Galicia para os espeleólogos galegos, como a nivel español para o resto de espeleólogos”, engade Ubiedo.

Este encontro ten sido tamén moi ben acollido por parte da FPE, “era algo que se esperaba dende hai moito tempo, había moito interese en realizar estes encontros conxuntos e, finalmente, comezamos este ciclo e eu espero que por moitos anos xa que considero moi importante a cooperación entre as dúas federacións, penso que vai ser moi beneficioso para ambas”, resalta o presidente da federación portuguesa, Manuel Soares.

De maneira similar se pronuncia o presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, Benigno Iglesias, “somos unha península e temos entre todos un interese común en coñecer covas, homoxeneizar técnicas, métodos de traballo e dende un principio esta idea do encontro pareceunos ben e dende a FGE apoiámola e esperamos que teña percorrido, que non se quede só nesta primeira edición”.
O programa do encontro prolongarase ata o domingo 20 de setembro e incluirá unha cea de confraternidade prevista para esta noite, ademais dun concerto de música.
Fotos e vídeos: O SIL.
