Músicos de primeiro nivel como os saxofonistas Bill Evans ou Kenny Garret, actuarán no XXII Festival de Jazz de Primavera que se celebrará en Ourense entre os meses de abril e xuño. Unha edición que aposta pola mestizaxe con outras músicas coma o flamenco, e que reunirá a once grupos.
O Festival comeza este domingo, 8 de abril, coa actuación ás 23 horas no Café Latino do baixista Joe Sander “Infinity”. Neste mesmo local e á mesma hora actuarán o trompetista Ronald Baker (11 de abril); o pianista cubano Iván “Melón Lewis (16 de abril); o guitarrista israelí Gilad Hekselman (22 de abril); e o grupo flamenco composto por Josemi Carmona e Javier Colina (24 de abril).
O espectáculo estrela que conta coa colaboración do Concello será a actuación do saxofonista Bill Evans, o 11 de maio na praza de Santa Eufemia, que será gratuíta.
O plantel completarase coa actuación do saxo tenor Lew Tabackin (14 de maio); do cantaor Duquende (16 de maio); do saxo tenor Harry Allen (21 de maio); do saxo Kenny Garret (23 de maio) e do grupo da frautista galega María Moro (14 de xuño).
O evento está organizado polo Café Latino e a Fundación Florencio Álvarez e o prezo da entrada variará entre dez e vinte euros.