ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A obra plástica de trinta novos creadores galegos e lusos, no Barco

A XII Bienal de Eixo Atlántico, entre cuxos cadros está un da valdeorresa Reme Remedios, vén de inaugurarse na sala de exposicións da praza do Príncipe da vila

Diferentes técnicas, estilos e temáticas. A mirada plástica dunha trintena de creadores galegos e portugueses pode descubrirse e contemplarse na XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, instalada na sala de exposicións da praza do Príncipe (a da antiga Caixanova). Esta mostra abría as súas portas ao público na tarde do 9 de novembro cun acto inaugural no que se entregaban ademais os galardóns ás catro mellores obras do certame.

Tras unha introdución musical da man de dúas alumnas de saxofón do Conservatorio do Barco, tomaba a palabra a presidenta do xurado desta edición, Paula Tavares, quen lembraba que ela mesma, hai vinte anos, resultaba galardoada nestes premios. Amosaba a súa satisfacción por ter formado parte do xurado e comentaba que todos os seus membros “tiveron unha participación moi activa”. Aseguraba que a selección dos cadros distinguidos foi “difícil, dada a calidade das obras presentadas”, pero “sempre consensuada”.

A continuación tomaban a palabra a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; Celicia Vázquez; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Vázquez aludía ao valor da colaboración entre as institucións e as administracións de Galicia e do norte de Portugal, “penso que ese é o camiño polo que debemos andar e realmente é o futuro”. E subliñaba a maior importancia que se cabe ten isto no ámbito da mocidade. Pola súa banda, Anxo Lorenzo resaltaba a traxectoria de case vinte anos desta bienal, “levando este proxecto de impulso da arte contemporánea entre os artistas e creadores das dúas rexións”. E incidía na gran “visibilidade” e “potencialidade” deste certame transfronteirizo.

Finalmente, o alcalde do Barco e novo presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Alfredo García, sinalaba que “merece a pena ver a obra destes artistas e tamén o reencontro de novo con esta sala de exposicións que dende logo ten un valor especial”. Explicaba que a sala levaba xa moitos anos pechada e agradecía a colaboración de Abanca para reabrila con esta mostra. Expresaba ao mesmo tempo o seu agradecemento ás dúas alumnas do Conservatorio do Barco que actuaban ao comezo do acto e poñía en valor o labor do profesorado deste centro de formación musical valdeorrés.

O acto completábase coa entrega de premios aos catro galardoados desta XII Bienal de Pintura do Barco. Así o Premio Xoves Talentos Luso-galaicos recaía en “Fragmentos de Memória” de Fábio Araújo, o segundo premio de autor galego recoñecía á obra “América” de Xosé Lois Carreira López e o segundo premio de autor portugués era para “Two Big Women” de Marco Macedo. Ademais o primeiro premio á mellor obra do certame correspondíalle a “Série 0, Descontruindo” de Fátima Teles.

 

Entre as obras desta Bienal figura unha da artista valdeorresa Reme Remedios, no centro desta imaxe, na mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A mostra, que inclúe trinta obras finalistas do concurso entre as que figura a da valdeorresa Reme Remedios, poderá visitarse ao longo deste mes no Barco. Despois iniciará un percorrido por diferentes cidades do Eixo Atlántico no que queda deste ano e durante o 2018. O seu seguinte destino será en decembro Viana do Castelo.

Entre as autoridades asistentes a este acto inaugural estaba, ademais dos citados, a presidenta da Cámara de Matosinhos e vicepresidenta do Eixo, o alcalde de Lalín, o cónsul de Portugal en Galicia e o secretario xeral do Eixo Atlántico, ademais de boa parte dos membros da Corporación barquense.

Fotos: A.R/ Carlos G. Hervella.

 

Máis fotos e información:
https://osil.info/alumnas-conservatorio-barco-abren-musica-xii-bienal-de-pintura-eixo/

Artigos relacionados

Back to top button