Os pacientes de cancro da provincia poden participar mañá no obradoiro on line da Fundación Stanpa, nesta ocasión dirixido específicamente a homes, para aprender técnicas de maquillaxe substitutivo, por exemplo das cellas, e recibir consellos dos voluntarios especialistas en maquillaxe e estética sobre a hixiene e o coidado da pel.
Tratamentos como a quimioterapia ou a radioterapia afectan especialmente a pel, que seca e pódese irritar, polo que hai que coidala e hidratala máis, ademáis pode caer o cabelo e as cellas, o que modifica especialmente a expresión facial. Trátase de axudar a sentirse mellor e ter un mellor aspecto, por medio de sinxelos consellos.
A colaboración da Área Sanitaria coa Fundación Stanpa, da Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética, iniciouse en abril de 2022. Desde entón, máis dun centenar de ourensanas e ourensáns participaron xa nos obradoiros, aos que se sumaron este ano os dirixidos específicamente a homes.
Nos obradoiros, os profesionais voluntarios empregan produtos cedidos por máis de 30 fabricantes, mecenas e colaboradores da Fundación, que conforman unha bolsa de cosméticos para limpeza, tratamento e maquillaxe, que se entrega gratuitamente a cada participante, tras o curso. O programa é gratuíto, non médico e neutral con respecto ás marcas e produtos utilizados con fins non promocionais ou publicitarios.
A sesión terá lugar mañá 20 de xuño de 17:00-18:00h. Poden inscribirse no seguinte enlace: https://www.fundacionstanpa.com/pgsm/taller-stanpa-men-2023/