Na mañá deste sábado 29 de marzo abríase na Rúa o programa cultural da Fundación Florencio Delgado Gurriarán para este ano, coa presentación do proxecto colaborativo “Dicionario da fala valdeorresa” para recoller o léxico propio de Valdeorras. Trátase dunha ferramenta en liña que “facilita as aportacións da veciñanza e que será coordinada pola comisión de lingua da Fundación, a cal irá validando os termos e contextualizando a súa posible inclusión nun dicionario da fala da comarca”.

O dicionario en ciernes era lanzado por Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura no Barco e unha das impulsoras da Fundación quen explicou que esta plataforma permitirá “o traballo en paralelo do comité científico e das aportacións da comunidade, convertíndoo nun proxecto vivo e cambiante”, nun acto que reunía a medio centenar de persoas no Centro Cultural Avenida e no que participaban dúas investigadoras da lingua, a ruesa Noelia Estévez e máis a berciana Sara Rodríguez.
No encontro, a filóloga ruesa Noelia Estévez Rionegro, presentou a súa investigación sobre fraseoloxía de Valdeorras, destacando como os ditos atribuídos á fala da comarca “son un espello das súas especificidades idiomáticas e da súa identidade, con moitas referencias á toponimia, a feitos históricos e ao traballo no agro”, destacando, entre outras, frases como cáveme quen queira ou pódeme quen saiba referidas ao viñedo; ser como un cimixe, que é o verme da castaña, co que se describía ás mulleres pequenas; e ditos máis recentes pero moi implantados como Eu fun a Petín e repetín ou Do mar, o mero e do Barco, o botelo.
No seu turno Sara Rodríguez, graduada en Tradución e Interpretación, presentou o seu Dicionario do Galego do Bierzo, un proxecto que xurdiu dunha investigación universitaria e que conta con máis de quince mil entradas. Rodríguez, natural de Carracedelo, destacou como “a lingua galega está moi viva na comarca veciña, especialmente entre a xente maior, e a oportunidade que representan os estudos en galego que se ofrecen na educación Primaria e Secundaria”.


Todas estas investigacións axudarán sen dúbida no proceso de creación do “Dicionario de fala valdeorresa”, ao cal pode accederse dende a web florenciodelgadogurriaran.gal. Os detalles da plataforma foron presentados pola propia Margarida e tamén Cristina de la Torre, responsable de comunicación da Fundación, quen avanzou que a web e as súas ferramentas irán crecendo a medida que aumenten ás aportacións. “Xa está operativo un formulario básico para enviar termos valdeorreses e nuns días estará listo un formulario avanzado para engadir fotografías e audios de uso das palabras propostas”, dixo, adiantando que neste momento no dicionario hai dez termos, todos eles recollidos na poesía de Florencio e con comentarios da comisión de lingua da Fundación, que se encarga de comprobar que sexan realmente palabras propias do valdeorrés. O seguinte paso, segundo adiantou Margarida Pizcueta, será organizar eventos de participación e socialización do proxecto, convocando encontros para a recollida de léxico e dinámicas de colaboración con centros educativos, asociacións e expertos na cultura de Valdeorras.
Visita a unha adega tradicional
Trala presentación, a xornada continuou cunha visita a unha adega e cova tradicional de Vilela, tamén na Rúa, na que exerceron de anfitrións os seus propietarios, os viticultores Pío González e Celia Martínez, quenes explicaron o proceso tradicional de elaboración do viño e algunhas palabras relacionadas co mesmo. Os próximos eventos na axenda da Fundación serán a presentación da quinta edición do Premio de Poesía e máis a Florenciada das Letras Galegas, que neste 2025 volverá a convocar á comarca a unha xornada festiva en Córgomo.

Dende a Fundación valoran “moi positivamente o interese espertado pola convocatoria”, que encheu a sala de conferencias do C.C. Avenida, e máis a asistencia de veciñanza e forzas vivas de toda a comarca, entre eles o alcalde e Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, e máis a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. Por parte do Concello da Rúa, deu a benvida a concelleira Ana Vizcaya. Tamén se agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, colaboradora da Fundación, e máis da Secretaría de Políticia Lingüística da Xunta de Galicia que financia a web do dicionario.



Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.
Vídeos: Mónica G. Belvler.



