SanidadeÚltima hora

Obradoiros formativos para nenos e maiores na VII Semana da Lactación Materna do Barco

Terá lugar a partir do 6 de outubro e será organizada pola Asociación De Nai a Nai

Publicidade
Imaxe do obradoiro infantil de cociña que tiña lugar na pasada edición desta Semana da Lactancia Materna no Barco./ Foto: A.R.

 

Como cada mes de outubro dende hai xa sete anos, O Barco celebrará a Semana da Lactación Materna, unha iniciativa promovida pola Asociación De Nai a Nai. O lema desta edición, que se desenvolverá do 6 ao 10 de outubro, será “Empoderémonos. Fagamos posible a Lactación!!” e o seu cartel é obra do artista galego Leandro Lamas, que colabora con esta entidade de forma altruísta.

As actividades comezarán o 6 de outubro ás 11h. co obradoiro infantil “Construcións con materiais reciclados” de Silvia Arias, nai e arquitecta técnica. Para participar será necesario inscribirse por WhatsApp no 697538505. Para o xoves 10 de outubro está prevista a charla “Mitos e realidades sobre a lactación materna” da enfermeira e nai, Antía Fernández Gómez. E xa como epílogo do programa terá lugar o 19 de outubro ás 16h. a xornada “A revolución da maternidade. Instintos e evidencias. Obradoiro de interese familiar e profesional sanitario”, a cargo de Esther Ramírez Matos, psicóloga sanitaria e perinatal, ademais de terapeuta sistémico-familiar e de parella. Esta última actividade será organizada en colaboración co Concello do Barco.

“Todas as actividades son gratuítas e os dous primeiros talleres da semana serán no local da Asociación De Nai a Nai (edificio da biblioteca do Barco, 4º andar) e o do sábado 19 será no edificio multiusos”, matiza a presidenta desta entidade, Lorena Prada.

 

Cartel desta nova edición da Semana da Lactancia Materna no Barco, cunha ilustración cedida polo artista Leandro Lamas.

Artigos relacionados

Back to top button