DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Oca Nova Manzaneda acolle unha reunión organizativa de “La Vuelta”

Segundo o director da ronda “o retorno económico da proba ciclista suporá uns ingresos mínimos na provincia de 2 millóns de euros”

A estación de montaña de Cabeza de Manzaneda acollía na mañá do 13 de xuño, unha reunión entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o director xeral de Unipublic, Javier Guillén e os alcaldes ourensáns por cuxos municipios discorrerán as etapas da “Vuelta a España” 2016, para dar conta dos datos relativos ao percorrido, seguridade, organización e retorno económico. Previamente á reunión celebrouse unha ruta cicloturista entre Pobra de Trives e Manzaneda, coa participación do ex ciclista profesional Óscar Pereiro.

O presidente do goberno provincial dixo que nesta edición da Volta “a provincia de Ourense convértese en referente do ciclismo, ao acoller catro etapas dunha das probas máis importantes do mundo”, e engadiu que a reunión de hoxe “é un paso máis cara a esa importante data do vindeiro mes de agosto, no que dará comezo en Ourense a “Vuelta” 2016. Manuel Baltar afirma que a propia denominación que este ano ten a proba ciclista “Ourense Termal-Madrid” “reflicte o noso papel como berce da mesma”, tendo como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo de Miño, Maceda e a capital ourensá, e como pasos intermedios os concellos de Allariz, Cortegada, Leiro, Ribadavia, Parada de Sil, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Xinzo de Limia, Trasmiras, Verín, A Gudiña e A Mezquita.

Pola súa parte, Javier Guillén explicou aos alcaldes que o retorno económico da proba ciclista suporá en cinco días uns ingresos mínimos na provincia de Ourense de 2 millóns de euros, no que atinxe á hospedaxe, manutención, combustible e demais gastos que ocasiona a presenza das 2.500 persoas que integran a caravana da “Vuelta a España”, entre ciclistas, técnicos, persoal de apoio e de organización, seguridade e medios de comunicación, que contan xa con 1.198 xornalistas, fotógrafos e técnicos acreditados.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button