“Este premio é unha honra, pero tamén unha responsabilidade que se suma ao meu amor e dedicación á profesión”. Eran as palabras do cineasta Oliver Laxe tras recibir de mans do alcalde ourensán, Xesús Vázquez, o Premio Cidade de Ourense do 21 OUFF. O acto tiña lugar na mañá do 3 de novembro no Liceo de Ourense. Este galardón vén recooñecer o seu labor de creación e de difusión do cinema galego fóra das nosas fronteiras. Laxe tamén se amosaba moi emocionado e agradecido e resaltaba que Ourense é “unha cidade de profundo fertilinaxe, de personalidades, poetas, intelectuais e escritores, moi inspirada e de natureza alquímica”.
Durante o acto, o alcalde ourensán resaltaba deste cineasta que, sendo “galego da diáspora como tantos outros, quixo facer universal a terra dos seus pais a través do seu cine”. Ademais, tamén aludía á “súa ollada atrevida, comprometida e vangardista, que pón o foco sobre o lado máis espiritual da vida, tratando cunha delicadeza fantástica os elementos e pequenas cousas que habitualmente quedan fóra de plano, e reconvertendo así as novas formas de narrar, mantendo un pé na tradición”.
Por outra banda, tamén na mañá do 3 de novembro o Liceo de Ourense acollía outro acto do OUFF: a presentación do novo Caderno de Cinema 23 da man da súa editora, a mexicana con raíces ourensás Paula Villanueva, e o autor, o xornalista e crítico cinematográfico Víctor Paz Morandeira. Esta publicación, que nace da colaboración entre o Festival de Cine Internacional de Ourense e a plataforma Cinema23, está adicada ao Novo Cinema Galego.
Esta obra é un ensaio sobre a identidade e a vangarda do Novo Cinema Galego. “Despois de ler o texto de Víctor, aprendimos que sí existe un contexto que facilitou a explosión deste cine en Galicia, e que esta etiqueta de Novo Cinema Galego permite darlle promoción e impulso en conxunto, polo que este caderno será unha boa ferramenta para achegar este cine a América Latina”, aseguraba Paula Villanueva.
Ademais o autor do ensaio incidía en que “aínda que cada cineasta traballa ao seu xeito e ten o seu propio estilo, no caso do cinema galego hai elementos que permiten falar de que en Galicia está a ocorrer algo”. E matizaba que a partir deses elementos xestábase o título da publicación: Identidade e Vangarda: “identidade polas dinámicas propias da galeguidade que están en moitas das películas, como a propia paisaxe, os valores patrimoniais, a relación co campo, ou a emigración”. Con respecto á vangarda, Paz puntualizou que os cineastas galegos van por diante por primeira vez na historia do cinema, alegando que “están na vangarda, e coas linguaxes máis modernas que se están a ver no cinema internacional”.
Os cadernos de Cinema23 -organizadores do Premio Iberoamericano de Cine Fénix- conforman unha serie de publicacións que rexistran ideas e reflexións sobre o quefacer cinematográfico en América Latina, España e Portugal, coa fin de salvagardar, compartir e promover a cultura cinematográfica destas rexións.
Fotos: Daniel Gallego.