EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Once explotacións galegas, boa parte delas ourensás, apostan pola gandería rexenerativa

Celebraban nesta semana a primera reunión de "Gandeir@s Rexenerativ@s de Galicia" organizada pola Asociación Naturaleza Holística

 

Aplican prácticas agrogandeiras e medioambientais ligadas á rexeneración da fertilidade do solo, á biodiversidade, ao desenvolvemento sostible e benestar animal. E, ao mesmo tempo, iso permítelles obter unha mellora da rentabilidade grazas á diminución dos custos de produción.  Esta é a liña de traballo polo que apostan os gandeiros da Asociación Naturaleza Holística de carácter estatal. En Galicia son 11 as explotacións asociadas (de vacún e ovino, principalmente), case todos das provincias de Ourense e Lugo.

Nesta semana, en concreto o 11 de agosto, celebraban en Liñares (Lugo) a primera reunión de “Gandeir@s Rexenerativ@s de Galicia” organizada pola Asociación Naturaleza Holística. A finalidade desta xuntanza, á que tamén acudía algún gandeiro de Asturias, era “crear un espazo de intercambio entre gandeiros e mostrar aos asistentes os avances conseguidos por un dos gandeiros asistentes na súa Gandeiría A Carballosa. Dende a asociación Naturaleza Holística plantexouse a intención de seguir coas formaciones e asesoramento co fin de expandir a gandeiría rexenerativa por todo o territorio galego”, explican dende esta entidade.

 

Participantes na primera reunión de Gandeir@s Rexenerativ@s de Galicia organizada pola Asociación Naturaleza Holística.

 

Pero, ¿que é exactamente a gandería rexenerativa? “Chamáselle así porque o que se observou a través de medicións científicas de estudos é que este conxunto de técnicas, ao contrario que o resto de agricultura e gandería, en lugar de ir dexenerando, empeorando ou mantendo a calidade do solo, vaina mellorando, sobre todo en base á almacenaxe de carbono, que ao fin e ao cabo, é CO2. Mesmo hai algúns autores que aseguran que se estas prácticas tiveran unha implantación a escala global poderiamos reverter en cinco anos todos os efectos do cambio climático. Paréceme un pouco optimista, pero o potencial que temos a escala planetaria é incrible”, asegura Antonio Tucci, promotor da Asociación Naturaleza Holística (sen ánimo de lucro), gandeiro e técnico asesor da mesma.

O obxectivo desta entidade, nacida hai xa un par de anos, é capacitar aos gandeiros e asesoralos na gandería rexenerativa. “Dentro dese paquete entran un conxunto de técnicas e de formas de traballar a terra e cos animais, que se caracteriza por que pretenden imitar os procesos naturais a través do uso do gando, dos cultivos ou do que se está producindo, de forma que maximice a produción cunha redución importante dos custos. Partimos da base de que o máis eficiente que hai é a propia natureza, polo tanto, se a imitamos, podemos producir a maior cantidade posible de alimentos a menor custo, este concepto é a alma do que é a gandería rexenerativa”, explica Tucci.

Na gandería rexenerativa non se usa ningún produto de síntese química, e malia que non é condición sine qua non, “ao final todos os socios acaban traballando en gandería ecolóxica. Acábano facendo porque danse conta de que non é necesario o uso deses produtos químicos”, matiza Tucci.

Outra das singularidades desta maneira de traballar é que, no caso de ganderías máis intensivas, “no noso sistema desaparece practicamente por completo a estabulación, os animais están pastoreando normalmente 365 días ao ano. E na gandería estensiva tradicional, os animais non están soltos por todo o campo, senón que se lles cambia de pasto diariamente. Esa é a forma na que traballa a natureza. Os animais de forma natural sempre se están movendo, están migrando, eles fano porque buscan pasto fresco ou porque son perseguidos por predadores, e nós o que facemos e incitalos a buscar pasto fresco e imitamos os predadores con pastores eléctricos é dicir, non lles permitimos volver onde estiveron”, aclara o técnico da Asociación Naturaleza Holística.

 

Contraste entre dúas parcelas, unha que aposta pola gandería rexenerativa e a outra pola convencional.

 

Este sistema require un tempo de adaptacións duns meses, pero supón un xiro de 180 graos na carga de traballo e na rendabilidade do mesmo, segundo se destaca dende a asociación. “Unha vez que se entende o sistema e empeza a traballar ben con el, reduce as horas de traballo. Ao principio hai un período de adaptación xa que hai que montar peches, hai que estudar e pensar como se fai facer, que é a parte de tutorización que fago eu”, indica Antonio Tucci.

Sen embargo, despois, “redúcese enormemente o uso de maquinaria, algo que supón unha parte moi agobiante do ano dun gandeiro. Usando os pastos da maneira axeitada, os gandeiros necesitan segar moito menos, ensilar moito menos. Ao desparecer as naves xa non teñen que estar removendo o purín ou botando o purín, no caso dos gandeiros de leite, por exemplo. Normalmente tardan entre 4 e 6 meses en adaptarse, e nun primeiro momento mesmo algún quéixase de que agora ten que ir ver as vacas todos os días, pero logo, resulta moi cómodo”, prosegue Tucci.

Este técnico destaca ademais que, no conxunto estatal, o grupo máis forte e máis numeroso de gandeiros interesados neste sistema é o dos galegos. “Vexo que en Galicia ten moito potencial, é a zona onde máis chamadas estou recibindo e entón coa reunión que vimos de celebrar quixemos crear un evento ad hoc para a xente dalí”.

 

Xoán González e Sara Ferreiro da Granxa A Ciruxana, con sede en Vilariño de Conso e pastos en Ardexaxe (Viana do Bolo)./ Foto: A Ciruxana.

 

“A Ciruxana”, entre as explotacións en gandería rexenerativa

Entre s explotacións que traballan a gandería rexenerativa hai dúas de Vilariño de Conso, unha de Trives, así como outras en Allariz e Ourense. “Descubrimos a gandería rexenerativa a raíz dun curso e durante un ano estivemos poñendo en práctica as súas técnicas. Contratamos coa Asociación Natureza Holística unha asesoría que nos fixo un proxecto específico a cada granxa e fúmolo aplicando”, comenta Xoán González, que xunto a Sara Ferreiro está a fronte da explotación A Ciruxana (con sede en Vilariño de Conso e pastos en Ardexaxe, en Viana), unha das galegas integradas na citada asociación.

Este gandeiro, cunhas 340 ovellas (un 70% delas de raza galega) e produción en ecolóxico, asegura que a gandería rexenerativa mudou e mellorou de forma considerable o traballo da súa explotación. “Notamos moitísima redución da carga de traballo, o que nos permitiu aumentar un montón a calidade de vida. Empezamos a traballar con cercas eléctricas, calculamos as parcelas onde van estar cada día e pechámosllas con valados eléctricos que son portables”.

Ademais, continúa, “conseguimos ter tres veces máis forraxe. E, por outra banda, o gando normalmente vai andando, vai pisando e vai comendo, pero estar aí nese día teñen que comer todo, desa forma conseguimos moito máis rebrote, moita máis comida. O ano da seca pasámolo mal, pero agora mesmo con este sistema, aínda que unha seca sempre preocupa, sería un mal menor”.

 

Ovellas de raza galega da explotación “A Ciruxana”, en Ardexaxe (Viana do Bolo)./ Foto: A Ciruxana.

 

Esta granxa pretende incrementar o número de cabezas a medio prazo. “Imos aumentar coa idea de chegar a 600 en dous anos, apostando polas ovellas de raza galega, que se encontran en perigo de extinción. Estamos moi contentos coa saída que teñen, o sabor desta carne é incrible. Agora que empezamos coa venda directa a xente está impresionada co cordeiro. Polo momento, temos unha porcentaxe pequena de venda directa, pero a idea é no futuro intentar colocar dese xeito o 100% da produción”.

Dende A Ciruxana aseguran que, xunto coa idea de producir e reducir custos, “nós temos unha conciencia medioambiental e pensamos que canta máis xente se pase a este modelo vai ser mellor para o medio ambiente, para o gando e para todos, canta máis xente se una á asociación, nós encantados”. Pretenden continuar con este sistema de gandería rexenerativa, “isto é todo unha aprendizaxe e imos intentar mellorar cada día”.

Fotos cedidas.

Máis información: nas redes sociais Naturaleza Holística ou no correo naturalezaholisticaholipet@gmail.com

 

Artigos relacionados

Back to top button