OurenseÚltima hora

Once feiras e o Campionato de España de Atletismo marcarán a actividade de Expourense este ano

Vista feira Expourense.

 

O calendario feiral de Expourense para este 2024 inclúe a celebración de once feiras, tres das cales (Funergal, Termatalia e Xantar) teñen o selo de Feira Comercial Internacional. O recinto feiral organiza así a metade (3 de 6) das feiras internacionais que levarán a cabo este ano en Galicia, sendo “o único recinto do país que organiza dúas feiras internacionais vinculadas ao turismo (celébranse 6 en España este ano: Termatalia e Xantar en Ourense; Fitur en Madrid; B-Travel en Barcelona; TIS en Sevilla e INTUR en Valladolid)”, aseguran dende Expourese. Termatalia e Xantar serán presentadas de forma conxunta en Fitur Madrid o vindeiro venres 26 de xaneiro ás 11h. na caseta de Turismo de Galicia.

Ás feiras programadas para todo o ano hai que engadir un intenso calendario deportivo que inclúe unha vintena de competicións entre as que destaca o Campionato de España Absoluto de Atletismo en Pista Cuberta e que se celebrará entre o 16 e o 18 de febreiro. Citas deportivas ás que se sumarán aquelas que se vaian celebrarse nos meses de novembro e decembro de 2024 porque aínda non está pechado o calendario deportivo para esas datas. Máis aló do atletismo, o recinto acollerá tamén o Campionato de España Absoluto de Halterofilia, previsto para o 6 de xuño.

 

Campionato de España de Ateltismo.

 

Calendario feiral

As tres citas internacionais do ano serán Funergal (Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios do 16 ao 18 de maio); Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar do 26 ao 28 de setembro) e Xantar (Salón Internacional de Turismo Gastronómico do 24 ao 27 de outubro).

Ás citas internacionais acompáñanlles outras feiras de carácter autonómico ou peninsular como Previsel, Salón de Prevención e Seguridade Laboral (13 e 14 de marzo); Salón do Vehículo Clásico (6 e 7 de abril); Car Outlet (14 ao 16 de abril); a Feira de Antigüidades Antiq Auria (4 ao 6 de outubro), Salón do Automóbil Novo (mes de novembro), Salón do Automóbil de Ocasión (mes de novembro) e, por último, Sportur Galicia e o Congreso Internacional de Turismo e Deporte (12 e 13 de decembro). Como novidade, este ano celebrarase a primeira edición do Mercado Transfronteirizo prevista para o mes de maio.

 

Xantar 2023.

 

A programación feiral complétase con eventos formativos organizados polo propio recinto feiral como é o caso de Inspiro (Encontro Interxeracional entre o Tecido Empresarial e o Ámbito Formativo) que se celebrará en abril ou do Simposio sobre Enerxías Renovables e Arquitectura Sostible, previsto para o mes seguinte. A actividade completarase cos eventos organizados por entidades que confían nas instalacións de Expourense como é o caso do Rallye de Ourense.

Este calendario de Expourense foi aprobado o pasado mes de decembro durante a última reunión do ano Padroado da Fundación Expourense na que participaron representantes das entidades que o integran: Xunta de Galicia, Concello de Ourense, Deputación Provincial de Ourense, ABANCA, Confederación Empresarial de Ourense-CEO e Concello de San Cibrao das Viñas.

 

Funergal.

Artigos relacionados

Back to top button