En portadaÚltima hora

O oriente ourensán sairá esta tarde á rúa para defender o mantemento da súa área sanitaria

Está convocada unha manifestación que partirá ás sete da tarde dende as proximidades do pavillón de Calabagueiros no Barco
Imaxe dunha das concentracións realizadas nas últimas semanas diante do HCV do Barco.

Logo de cinco mércores consecutivos mobilizándose diante do Hospital Comarcal Valdeorras e de diferentes centros de saúde da zona, na tarde deste sábado 30 de setembro está convocada unha manifestación para pedir a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia, que contempla a supresión da área sanitaria do Barco, xunto con outras tres galegas (entre elas a de Monforte de Lemos).

A manifestación, convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras, sairá ás sete da tarde dende as proximidades do pavillón polideportivo de Calabagueiros do Barco e percorrerá a estrada xeral da vila ata chegar á praza do Concello. Este acto reivindicativo ten lugar apenas un día despois de que na Deputación se rexeitasen, ao votar en contra os deputados do PP, as dúas mocións presentadas polo PSdeG-PSOE e polo BNG, nas que se pedía o mantemento da área sanitaria de Valdeorras.

Por outra banda, o 29 de setembro os alcaldes e portavoces do PP en Valdeorras facían pública unha declaración, asinada polo deputado provincial e alcalde da Veiga, Juan Anta, na que se transmite aos veciños “unha mensaxe de tranquilidade respecto do mantemento dos seus dereitos sanitarios así como a totalidade dos servizos na nosa comarca”. Tamén din que “somos os primeiros que demandamos unha saniade de calidade. Pero tamén queremos ser obxectivos e para iso debemos recoñecer que en cinco anos as especialidades pasaron de ser tres a dez e que se invertiu asimesmo cerca de 1.500.000 euros no hospital comarcal”.

Se ben a declaración conclúe trasladándolle aos veciños que “en calquera caso seguiremos loitando polo que cremos algo innegociable e fundamental no noso rural como é unha sanidade pública e de calidade”, ao longo do comunicado non se fai nin unha soa referencia á supresión da área sanitaria do Barco, cuxo mantemento se reinvidicará esta tarde na manifestación.

Artigos relacionados

Back to top button