ConcellosÚltima hora

Os alcaldes de Viana, Trives e Celanova reúnense co vicepresidente da Xunta

A xuntanza veu motivada pola preocupación dos alcaldes ante o peche dos Rexistros da Propiedade
Reunión de Alfonso Rueda cos alcaldes de Celanova, Viana do Bolo e Pobra de Trives.

“A situación do Rexistro da Propiedade de Viana do Bolo non mudou, seguimos defendendo o mantemento deste servizo primordial para o noso concello e para toda a comarca”, aseguraba onte o alcalde, Secundino Fernández que ante esa situación solicitaba unha entrevista co vicepresidente da Xunta para “explicar a situación e demandar un compromiso da Administración galega na defensa deste servizo”.

Así, na mañá do 6 de abril, Alfonso Rueda recibía en Santiago ao alcalde de Viana e tamén aos da Pobra de Trives, Francisco José Fernández e Celanova, José Luis Ferro quenes lle trasladaron a súa preocupación polo Real Decreto 195/2017, do Ministerio de Xustiza, polo que se modifica a demarcación dos Rexistros da Propiedade.

O vicepresidente recordou que o decreto do Goberno central -que é competente nesta materia- establece que “todas as oficinas existentes se manteñen abertas ao público e operativas, ofrecendo os mesmos servizos aos cidadáns”. Nese sentido, Rueda comprometeuse a que a Xunta estará vixiante para que esta cuestión se cumpra e que “a Xunta manterá do mesmo xeito completamente operativas as oficinas liquidadoras que estaban a funcionar nos rexistros”.

 

Os alcaldes de Viana, Secundino Fernández; Celanova, José Luis Ferro; e Trives, Francisco José Fernández, co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Artigos relacionados

Back to top button