En portada

Os avós vexetais da provincia

Ourense ten 26 exemplares no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, cuxo decreto vén de modificarse
Castiñeiro de Pombariños, no souto de Rozabales (Manzaneda), declarado Monumento Natural no ano 2000./ Foto: Carlos G. Hervella.
Castiñeiro de Pombariños, no souto de Rozabales (Manzaneda), declarado Monumento Natural no ano 2000./ Foto: Carlos G. Hervella.

Logo de séculos de convivencia coa paisaxe ourensá, as árbores presentan formas abraiantes. Son os seres vivos máis lonxevos de Galicia e constitúen unha das expresións máis auténticas dun territorio. Conforman un valioso patrimonio natural e cultural, en ocasións non demasiado coñecido nin valorado.

Das case tres millóns de hectáreas do territorio galego, 1,8 millóns son de superficie forestal. Boa parte delas están nas provincias do interior: 483.531 has. en Ourense e 595.394 en Lugo, segundo os datos da Consellería do Medio Rural. Nese ámbito forestal conviven exemplares que teñen logrado superar a barreira dos séculos. En ocasións aparecen illados; noutros casos, integrados en formacións como os soutos, e mesmo no marco de antigos xardíns. A catalogación deste patrimonio vexetal supón o primeiro paso para definir o seu tipo de protección, pero tamén para asegurar a súa conservación e divulgar a importancia destes seres vivos únicos.

Sobreira das Lagoas, na cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.
Sobreira das Lagoas, na cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Xa na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de Conservación da Natureza considerábase que o “interese científico, estético ou monumental e ornamental dalgúns exemplares existentes en Galicia, de calquera especie botánica autóctona ou foránea, ou de agrupacións destes, aconsella que as normas protectoras se fagan estensivas a este tipo de árbores, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución”. Así se cita no Decreto 67/2007, do 22 marzo, que regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Nesta última normativa sinálase que terán consideración de senlleiras “as árbores e as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecentes de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico”. A súa protección implica “a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, á súa saúde e á súa apariencia”.

Vista do Teixadal de Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.
Vista do Teixadal de Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.

O catálogo nacía cunha listaxe de 127 exemplares (entre árbores e formacións senlleiras de toda Galicia), trece deles ourensáns. Oito anos despois, a Consellería de Medio Ambiente vén de modificar o devantido decreto e de publicar no pasado mes de febreiro a última actualización do catálogo. Nela o conxunto de exemplares protexidos ascende a 177 (146 árbores e 31 formacións), das que 26 están na provincia de Ourense.

Texto: Ángeles Rodríguez
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel de marzo do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Back to top button