En portadaÚltima hora

Os centros sanitarios da provincia prepáranse para atender a repunta de infeccións invernais

Recoméndase como principal medida preventiva a vacinación de Gripe e da de recordo de Covid especialmente da poboación mais vulnerable e dos profesionais sanitarios para garantir a súa dispoñibilidade

Exterior do Hospital Público de Valdeorras.

 

As infeccións respiratorias son enfermidades moi transmisibles, e aínda que banais para a maioría da poboación, nas persoas con idade avanzada, con enfermidades crónicas ou pluripatoloxías, inmunodepresión ou fráxiles poden xerar graves complicacións de saúde, xerando un gran número de consultas nos Centros de Saúde, PAC e Urxencias e un aumento progresivo dos ingresos, o que fai preciso ter previstos os recursos sanitarios a mobilizar en función das necesidades, recollendo estes nun “Plan de Continxencia”.

O Plan de Continxencia fronte ás Infeccións Respiratorias da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para o período invernal 2022-23 “ten unha perspectiva inclusiva, interniveis, e intercentros, que inclúe tanto a atención primaria como aos tres hospitais provinciais. Seu eixo central basease en tres liñas: Prevención, Vixilancia e netamente de operativa asistencial”, tal e como destaca a súa xerencia.

A vacinación é o punto de partida da prevención, e un dos principais consellos cara a poboación, mantendo as rutinas de hixiene respiratoria en caso de síntomas, máxime tendo en conta o adianto da epidemia de gripe, en convivencia coa pandemia de Covid, e do resto de virus respiratorios estacionais, como o (VRS) ou sincitial. Este último está a xerar estes días un aumento de atencións pediátricas, tanto en centros de saúde como hospitais.

Por elo desde a sanidade pública reitérase a recomendación de acudir a vacinarse da Gripe e da segunda dose de recordo de Covid, a todas as persoas convocadas a facelo, moi especialmente á poboación mais vulnerable e aos profesionais sanitarios para garantir a súa dispoñibilidade neste periodo tan intenso.

Prevención, Vixilancia e Medidas Operativas

Ademais de recomendar a vacinación, o Plan de Continxencia para facer fronte a incidencia das infeccións respiratorias na actividade asistencial elaborado pola dirección da Área Sanitaria, en coordinación cos servizos de Urxencias, Medicina Interna, Neumoloxía, Medicina Intensiva, Cardioloxía, Medicina Preventiva, Admisión, Hospitalización a Domicilio, Atención Primaria e Microbioloxía, ten en conta os recursos dispoñibles tanto hospitalarios como nos Centros de Saúde, PACs e Residencias Socio Sanitarias, e marca as medidas de coordinación en función dos distintos escenarios posibles.

O plan contempla tres aspectos clave, Prevención, para limitar no posible a incidencia de casos, o que pasa pola vacinación, tanto da poboación diana como daqueles grupos profesionais de especial impacto, como coidadores e profesionais sanitarios. Nesta liña este ano estanse levando a cabo campañas específicas de concienciación, e iniciativas concretas para promover á vacinación do persoal, que nesta campaña tivo acceso a vacina unha semana antes.

Ademais da vacinación, o plan establece medidas preventivas para evitar a diseminación do virus e os contaxios, como a hixiene de mans e o uso, pautado, de equipos de protección individual (EPI), como máscaras ou luvas. Tamén como medida preventiva continuara a facerse un especial esforzo de coordinación coas Residencias Socio Sanitarias.

A segunda clave será a vixilancia e seguimento da incidencia da epidemia, mediante o control epidemiolóxico da declaración de casos de gripe e a monitorización da actividade asistencial, o que permitirá comprobar, de xeito case paralelo, o aumento da demanda co progreso da epidemia. Para elo, levarase un rexistro pormenorizado das atencións en Urxencias e PACs, prestándose especial atención aos ingresos por bronquilise (pediatría e admisión) o que permitirá adoptar as medidas oportunas en función das necesidades asistenciais.

Medidas Operativas para garantir a asistencia

Organízanse a través dos Centros de Saúde, dos Servizos de Hospitalización, especialmente daqueles con maior impacto, como os devanditos, e moi especialmente Pneumoloxía, Medicina Interna e Enfermidades Infecciosas e Urxencias. Para limitar no posible a sobrecarga asistencial, este ano realizarase un especial esforzo na captación de pacientes, por parte de Hospitalización a Domicilio e os Hospitais de Día, procurando alternativas asistenciais que non precisen ingreso, e cando este sexa indispensable, mediante a habilitación ordeada de áreas de expansión e reforzo de persoal, sempre con criterios reitores e con carácter de transicional cara á hospitalización convencional.

Como vén sendo habitual, e especialmente durante a pandemia de Covid, aplicarase o protocolo de manexo de casos sospeitosos de infección respiratoria, no servizo de urxencias e estableceranse medidas como as destinadas a axilizar as consultas rápidas; creación de circuitos asistenciais para o manexo de pacientes fráxiles, con síntomas gripais, así como de asignación de boxes específicos para as interconsultas, cos servizos da área médica, cun referente de medicina interna asignado de presenza física en urxencias.

Tanto na área médica como na Cirúrxica estableceranse distintas liñas de actuación. Na área médica nos servizos de Medicina Interna, Pneumoloxía e Cardioloxía designase un médico, en cada un deles, como referente para HADO; revisión diaria de ingresos da garda e detección de ingresos evitables, incluídos pacientes pendentes de paso a salas de hospitalización. Preselección de pacientes ao seu ingreso hospitalario, para derivación a HADO ou atención ambulatoria. Reaxuste de actividades, para dar preferencia á atención en Urxencias e á Hospitalización, e en caso preciso suspensión dos ingresos programados, salvo prioridade 1, así como presenza médica reforzada na hospitalización, dacordo ao plan de actuación.

Na área cirúrxica priorizarase o mantemento da actividade, por elo só deberá verse afectada en situacións extremas e con carácter temporal mínimo. Para elo, establécese o máximo rendemento dos quirófanos de urxencias; adaptación da programación cirúrxica con ingreso segundo tempo previsto de hospitalización; priorización das intervencións de ingresados; E potenciación da Cirurxía Maior Ambulatoria.

Na hospitalización xeral manterase a comunicación diaria a Medicina Preventiva dos ingresos con patoloxía contaxiosa, para facilitar a revisión diaria dos ingresos e situacións de illamento; Hospitalización e manexo dos casos de gripe segundo Protocolo; axilización de espera para probas complementarias (radioloxía, ecocardiograma, endoscopias, etc.; identificación de posibles prealtas para axilizar a alta hospitalaria e reforzo do pase de visita os sábados, xunto a toda unha seríe de medidas para facilitar este proceso permindo así unha maior capacidade de ingreso.

Xunto a todas estas medidas fomentarase a Hospitalización a Domicilio, mellorando a identificación e captación de pacientes que se podan beneficiar desta modalidade asistencial, e reforzando o persoal dos equipos en función das necesidades.

Ampliación da capacidade de ingreso no Hospital de Ourense

Cando o incremento da demanda asistencial faga preciso aumentar as camas dispoñibles está previsto, como en anos anteriores, facer uso das áreas de expansión, unidades de hospitalización que se habilitarán e dotarán, en termos sanitarios e loxísticos, para acoller o ingreso dos pacientes que o precisen, e que funcionarán como áreas de tránsito ata que o servizo responsable teña dispoñibilidade de camas. Esta estancia é temporal e limitada no tempo.

Esta ampliación da capacidade de ingreso centrarase preferentemente, no Hospital de Ourense na Unidade de Preingreso, na sala T, próxima a Urxencias. Asemade en situación de sobreaforo, está previsto habilitar para ingresos as antiguas plantas de hospitalización, no Materno Infantil, habilitar camas supletorias nas dereitas do Cristal e exxcepcionalmente no Edificio Piñor, preferentemente para pacientes de Medicina Interna. En Verín está prevista la ampliación de camas na segunda planta e en Valdeorras proceder a habilitar unha terceira cama por habitación nas unidades de hospitalización.

Artigos relacionados

Back to top button