DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Os ciclistas da II Pilgrim Race chegan a Valdeorras

A quinta etapa da proba polas sendas do Camiño de Santiago desenvolveuse entre Astorga e Vilamartín

Despois de catro duras etapas de competición dende Madrid ata Sahagún, os máis de 150 participantes na II edición da Gaes Pilgrim Race iniciaban a primeira das tres de “experiencia” xa fóra de competición, para desfrutar da paisaxe do Camiño de Inverno.

Así, entre as sete e media e as oito e media a mañá do 5 de xullo, os participantes nesta aventura en bicicleta de montaña que transcorre polas sendas do Camiño de Santiago, partían rumbo á meta en Vilamartín de Valdeorras. Por diante tiñan 114 quilómetros que os ciclistas tomaron con calma, facendo paradas (moitos tomaron un aperitivo no Barco) para descansar e “desfrutar do camiño”. Así pois, pasaban das dúas da tarde cando comezaban a chegar os corredores que ían entrando en meta de forma progresiva, sen presa, na área recreativa do Bañadoiro. Entre eles os valdeorreses Víctor Fernández e José López, e a montañeira vasca Edurne Pasabán.

Despois do esforzo e antes do descanso da noite nas tendas de campaña instaladas no campo de fútbol, Vilamartín obsequiaba aos deportistas chegados dende diferentes partes de España, cunha pequena festa de benvida.

Mañá, a II Gaes Pilgrim Race partirá cedo rumbo á sexta etapa entre Vilamartín de Valdeorras e Chantada. A última, de Chantada a Santiago será o sábado 7 de xullo.

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as dúas últimas que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button