En portadaÚltima hora

Os concellos do Eixo Atlántico reivindican o seu protagonismo na reconstrución poscovid

Os alcaldes de Galicia e do norte de Portugal, reunidos hoxe en Pontevedra, defenden que a crise debe ser unha oportunidade para a Eurorrexión

 

A Conferencia de presidentes do Eixo Atlántico, celebrada este xoves en Pontevedra, vén de reinvidicar de forma unánime “o papel determinante que as cidades e os concellos desempeñaron durante a pandemia, cubrindo cos seus propios recursos os déficits doutras administracións dende os aspectos sociais e sanitarios de maior urxencia incluíndo os educativos, ata os aspectos culturais e de motivación da poboación para resistir o confinamento”.

Neste encontro púxose de manifesto que, “precisamente porque son os concellos os que mellor coñecen as necesidades dos seus cidadáns, reivindican un papel protagonista no proceso de reconstrución para garantir que dito proceso contemple e apoie as necesidades dos habitantes das cidades da Eurorrexión”.

Ao longo de case catro horas os alcaldes das principais cidades da Eurorrexión integrados no Eixo Atlántico, entidade que convocante da conferencia, debateron cun conxunto de expertos de alto nivel as liñas mestras que deben definir a folla de ruta da reconstrución.

Os responsables políticos reivindicaron a situación dos territorios de baixa densidade, que “sempre son os máis desprotexidos, non da pandemia, senón dos apoios para superar os seus efectos”. Unha postura defendida polo presidente da Deputación de Lugo, a alcaldesa de Lugo, o alcalde de Sarria ou o do Barco de Valdeorras. Esta posición á que tamén se adheriron os seus homólogos portugueses do interior, revelou situacións ignoradas como as que está vivindo o sector agroalimentario vencellado á gastronomía e ao turismo xa que moitas das grandes superficies venden produtos doutras rexións españolas.

 

 

Apoio aos sectores produtivos

Por iso, unha das reivindicacións unánimes foi o apoio a os sectores produtivos do territorio tanto no referente ás pequenas e medianas empresas, como aos autónomos. Neste sentido o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, defendeu que as axudas “non poden ir a empresas como Iberia ou Vodafone que non son españolas e o seu capital non é español, senón do Reino Unido, país que abandonou a UE, senón aos empresarios e autónomos portugueses e galegos. España non debe de actuar como un cabalo de Troia para que o diñeiro da UE vaia a empresas inglesas, senón que debe de o investir en quen paga aquí os seus impostos e xeran riqueza e con iso manteñen a sanidade, educación e a propia administración pública”, sinalou.

O ex presidente da Xunta Fernando González Laxe recalcou a importancia de reforzar a maritimidade do territorio como un dos grandes eixes de desenvolvemento económico e, en sintonía co exposto por Carlos Moedas, ex-Comisario Europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, recordou a importancia de incorporar a innovación e investigación a este sector investindo en ambos sectores, insistindo na importancia da dixitalización e no papel relevante que os concellos teñen que xogar neste proceso.

No mesmo sentido Miguel Poiares Maduro, director do Instituto de Estudos Europeos de Florencia recordou a importancia dunha administración áxil e eficaz e a necesidade de que a innovación se levase aos concellos e a través das cidades ao seu tecido social e económico.

González Laxe insistiu nos elementos que os concellos deben ter en conta nun futuro inmediato, como a creación de emprego, o cambio climático, “que vai transformar a economía produtiva nos próximos anos”, a conectividade, a cualificación humana e tecnolóxica, as necesidades sociais e a participación dos cidadáns nas decisións que lles afecten.

Outro elemento central no debate foi a necesidade de desenvolver a sostibilidade do territorio, non só polo seu carácter económico e de calidade de vida, senón, como se viu durante esta pandemia, polo seu forte compoñente sanitario, así como a necesidade de incentivar os ciclos curtos, tanto produtivos, como de consumo, que redundan no comercio de proximidade e que supón poñer en valor o consumo de produtos tradicionais.

Emilio Fernández, catedrático de Ecoloxía na Universidade de Vigo, subliñou que a baixada da contaminación que se produciu durante o confinamento supuxo un elemento moi positivo de prevención sanitaria, especialmente para enfermidades respiratorias.

A mobilidade urbana ou a investigación fronte a crise, outros temas debatidos

Incidiuse tamén na necesidade de desenvolver plans de mobilidade urbana sostible para minorar o uso e impacto do vehículo privado. Tamén se reforzou a necesidade de mellorar as infraestruturas pendentes, especialmente ferroviarias para favorecer unha mobilidade máis sostible e saudable. Fernández recordou que pese á caída da contaminación nos meses de confinamento, esta só se rebaixou a niveles similares aos do ano anterior: “evidentemente moi pouco”, subliñou.

Moi destacables foron tamén as intervencións de Anxo Carracedo, Catedrático de Medicina Legal ou Maria João Rauch, consultora da OCDE, que apostaron pola investigación como crave para saír desta nova crise incidendo na transferencia deste coñecemento como elemento indispensable. Tamén insistiron na necesidade de reter o talento e investilo en noso territorio.

Con todo, o debate centrouse especialmente nos aspectos económicos destinados a dinamizar a economía e recuperación do emprego no menor tempo posible. Así Joaquim Oliveira, director adxunto do Centro de Emprendimento das Rexións e Cidades da OCDE, insistiu a dixitalización como unha necesidade e unha grande oportunidade para todos, que no caso das empresas “convértese nunha cuestión de supervivencia”.

Varios dos asistentes reflectiron o carácter pioneiro desta conferencia en Europa e trasladaron a súa felicitación polo feito inusual de que nunha reunión de alcaldes todos defenderon o colectivo e ningún suscitou cuestións individuais ou locais.

A vicepresidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, falou do papel fundamental dos municipios en todas as medidas de choque levadas a cabo, como administración máis próxima ao cidadán; “queremos ser actores activos na reconstrución e que podamos estar na toma de decisións e no seu financiamento” e concluíu afirmando que “este é un momento de cambio que temos que aproveitar como unha oportunidade de futuro”.

Pola súa banda, o presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio, destacou o papel de liderado da entidade ao conseguir reunir a máis de 30 alcaldes para centrarse, “non nunha lista de reivindicacións, senón en fortalecer un modelo de cooperación que queremos afianzar entre concellos, axentes sociais e os cidadáns, ademais de potenciar os recursos da Eurorrexión para que se desenvolva de forma cohesionada”.

Artigos relacionados

Back to top button