ConcellosÚltima hora

Os concellos piden “protocolos claros para garantir a saúde ante unhas posibles eleccións galegas”

Esta cuestión plantexábaa o presidente da Fegamp, Alberto Varela, na reunión desta mañá do Centro de Coordinación Operativa (Cecop)

O presidente da Fegamp, Alberto Varela (segundo pola esquerda), xunto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) .

 

A complexidade que pode supor a nivel loxístico a convocatoria dunhas eleccións galegas no marco da situación de crise actual preocupa aos concellos. Así llo traslada á Xunta o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, no decurso da reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) que se vén de celebrar na mañá deste sábado 16 de maio.

“A responsabilidade loxística recae nas administracións locais e xa hai alcaldes que nos trasladaron a dificultade que imos ter con esta situación totalmente excepcional, son moitas as cousas que teñen que cambiar con respecto a un día de eleccións normal, así que todas esas cuestións haberá que poñelas enriba da mesa e avalialas”, comentaba ao termo da xuntanza Alberto Varela.

En concreto, o que a Fegamp demanda son “protocolos clarísimos de actuación” e para iso “é necesario que se senten con nós para escoitar a opinión dos concellos. Por poñer un exemplo, se vai ser necesario gardar unha distancia física entre os membros da mesa, pois nese caso necesitaremos mesas novas, se é necesario material sanitario, se é necesario controlar o aforo dos colexios electorais… Tamen necesitamos saber quen vai sufragar eses gastos e protocolos clarísimos de como se van poder celebrar ese día as eleccións con todas as condicións de seguridade”, sinalaba Alberto Varela.

Preguntado sobre a posibilidade que as persoas seleccionadas para estar nunha mesa podan alegar non acudir por pertencer a un grupo de risco, o presidente da Fegamp indicaba que “todas esas casuíticas imos ter que analizalas e estudalas, despois darán a súa opinión como sempre as xuntas electorais, agora é necesario que nesta circunstancia totalmente excepcional e na que se ten que garantir a saúde de todas as persoas hai que avaliar moitísima casuística: a das persoas maiores á hora de ir a votar, a daquelas persoas con patoloxías previas que lles toque estar nunha mesa electoral e qué distancia física imos ter que gardar… Son moitas cousas as que imos ter que evaluar e ante unha posible convocatoria de eleccións autonómicas temos que sentarnos canto antes porque a loxística é moi difícil de preparar en estas circunstancias excepcionais”.

Escolas municipais e albergues

Por outra banda, a Fegamp tamén pedía ter, canto antes, información no encontro do Cecop sobre cando se van a abrir as escolas infantís. “Por políticas de concilizacións, os pais e nais vanse incorporando pouco a pouco ao traballo, e é necesario saber se van a poder abrir as escolas infantís, se van poder abrir eses campamentos de verán, e con instrucións moi claras, porque é moi difícil a nenos de 0 a 3 anos que garden esa distancia física”, sinalaba Alberto Varela.

Finalmente, a Fegamp preguntaba que vai suceder cos albergues. “En moitas cidades habilitamos albergues para acoller a persoas sen fogar, agora que se inicia a desescalada, ¿que vai pasar con esas persoas? É necesario que as administracións nestas circunstancias nos sentemos e vexamos qué políticas sociais temos que poñer en marcha para que non pasen de estar en albergues a volver novamente as rúas”, concluía Varela.

Artigos relacionados

Back to top button