De “moi positiva” valoran a experiencia do equipo infantil do Pizarras Tres Cuñados FS o pasado venres 3 de xaneiro na localidade leonesa de Astorga.
Convidados polo Concello e polo club organizador, Trepalio León FS os valdeorreses participaban na primeira edición do Torneo Ciudad de Astorga de fútbol sala base. Ás 10:15h. tiña lugar a presentación no salón de actos de todos os equipos participantes para a partir das 11 horas dar comezo á competición no Pavillón Felipe Miñambres.

“Como inmaculada poderiamos definir a primeira fase do campionato onde os nosos quedaban de primeiros tras superar a Cistierna FS por 3-0 e a Trepalio León FS por 4-2”, aseguran dende o Tres Cuñados, explicando que con ese resultado metíanse en semifinais e tras vencer 7-0 ao Villaki de Villaquilambre, pasaban á gran final. “Ese sería outro cantar e aí perdiamos 5-2 ante o campión La Bañeza FS a quen felicitamos e damos o parabén polo seu triunfo nunha final que estivo bastante máis igualada do que di o marcador”, din dende o club valdeorrés.
Así, co subcampionato remataban moi contentos unha “gran xornada de convivencia con mozos doutras localidades (Astorga, La Bañeza, León, Cistierna,…), agradecendo á organización “pola súa invitación e como non aos nosos pais e familiares que unha vez máis acompañaron ao equipo en todo momento. Repetiremos”, concllúen.
Fotos cedidas.



