EconomíaEconomíaÚltima hora

Os empresarios da Limia comparten un “café tecnolóxico” co conselleiro de Economía

A presidenta da recén creada asociación ProLimia, Teresa Martínez, destacaba a importancia da unión de comerciantes e empresarios da comarca para seu o desenvolvemento económico
Imaxe da reunión do conselleiro de Economía cos empresarios de ProLimia, en Xinzo.

Preto de medio cento de empresarios e comerciantes da zona da Limia asistían ao “Café Tecnolóxico” que se celebraba na mañá do 21 de novembro en Xinzo de Limia coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde. A iniciativa, promovida a través de ProLimia (Asociación de Empresas e Comercios da Limia), tiña como finalidade achegar información e explicacións sobre as axudas e subvencións para empresas previstas pola Xunta.

Ao acto asistían, ademais da presidenta de ProLimia, Teresa Martínez, e de membros da xunta directiva desta entidade, representantes da CEO como Jaime Pereira, o subdirector de Información do Igape, Curro López; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; e o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, xunto co primeiro teniente de alcalde, Manuel Casas, e Carlos Gómez, edil responsable de Comercio e Economía. Presidía a reunión o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, quen aludía ás liñas de axudas do seu departamento e tamén sinalaba que o parque empresarial de Xinzo se sumará ao Plan de Banda Larga da Xunta o vindeiro ano. Tamén destacou que por primeira vez se conseguiu, coa colaboración da Fegamp, un acordo cos concellos para harmonizar a fiscalidade municipal en materia empresarial.

Pola súa banda, Teresa Martínez valoraba esta acción informativa de forma positiva, agradecía a colaboración da CEO e facía un chamamento á unidade de empresarios e comerciantes, dado que é a fórmula para obter mellores resultados en beneficio do sector. Nesa mesma liña tamén se manifestaba o alcalde de Xinzo de Limia.

Ao final, os empresarios e comerciantes presentes plantexaron dúbidas e pediron información detallada sobre determinadas cuestións referidas a iniciativas concretas.

Artigos relacionados

Back to top button