EconomíaEconomíaÚltima hora

Os empresarios de Valdeorras despiden ao primeiro presidente de AEVA

O empresario Carlos Terán./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) vén de emitirse nesta tarde un comunicado para amosar o seu pesar polo falecemento de Carlos Luis Terán Díaz, un dos  fundadores desta entidade e o seu primeiro presidente, entre os anos 1990 e 1992.

Da súa figura destacan o seu “traballo, esforzo e valentía”, así como a súa “capacidade de entrega e a súa implicación en todos os proxectos que teñan que ver co desenvolvemento e o benestar do sector empresarial e da comarca de Valderras, por ter sabido superar as dificultades que xurdiron nos seus comezos, e porque sempre tivo claro que unha comarca como Valdeorras, cun sector empresarial dinámico e competitivo, tiña que apostar por este proxecto de traballo en equipo hoxe consolidado. Carlos deixou pegada na historia de AEVA”. O seu fillo, o tamén empresario Carlos Terán Búa, forma parte da súa xunta directiva en calidade de vicepresidente.

Así mesmo esta organización empresarial lembra que Carlos Terán respaldou a constitución da Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco, da que foi ademais membro dende a súa creación no 2004.

“A Carlos Terán recordarémolo como persoa, como empresario e como amigo”, destacan dende AEVA e dende o CCA, que transmiten o seu máis sentido pésame á familia do empresario barquense.

Artigos relacionados

Back to top button