SanidadeÚltima hora

Os equipos de resonancia magnética móbiles atenderon durante o 2021 a máis de 17.000 pacientes

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu hoxe ao Hospital de Verín onde está instalado estes días un deses equipos

Visita do conselleiro de Sanidade ao Hospital de Verín.

 

Na xornada deste martes 11 de xaneiro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudía ao Hospital de Verín, onde está nestes días instalada a resonancia móbil adquirida pola Goberno galego no ano 2021, onde destacou “a aposta que está a levar a cabo o Executivo autonómico pola renovación destes equipamentos, que comezou en 2018 coa incorporación dunha nova resonancia magnética móbil, seguiu coa incorporación en 2021 da hoxe presente en Verín e continuará neste exercicio, pois a Xunta ten decidido aproveitar os fondos europeos transferidos a través do Plan Inveat para renovar a terceira, o que suporá superar os tres millóns de euros de investimento dedicado a contar con equipos punteiros neste sistema de resonancias móbiles”.

Tal e como sinalou o conselleiro, grazas a estas resonancias móbiles, os pacientes galegos aforraron milleiros de quilómetros en desprazamentos, garantíndose a igualdade na asistencia a aquelas persoas que viven lonxe dos seus centros de referencia. En concreto, estes equipos atenderon o pasado ano a máis de 17.000 pacientes, facendo máis de 21.000 resonancias magnéticas, preto de 2.000 no Hospital de Verín.

 

Estes días está nstalada en Verín unha das resonancias móbiles da Xunta.

 

Segundo García Comesaña, os novos equipos, de última xeración, supoñen tamén unha maior flexibilidade e comodidade para os pacientes. En concreto, “as melloras do novo equipo móbil incorporan vantaxes en aspectos de confort para o paciente, con dúas cabinas vestiario, así como unha maior amplitude do habitáculo onde se adquiren as imaxes, e un diámetro de imaxe de 70 cms, 10 máis que o anterior”.

Segundo informan dende o Sergas, outras melloras que se achegan no novo equipo móbil son unha resonancia de campo alto, incluíndo os últimos avances nesta especialidade diagnóstica. “Permite, ademais, adquirir imaxes de Resonancia Magnética sen desprazar aos pacientes grazas á telerradioloxía. Xunto ao anterior, mellóranse os tempos e a calidade dos informes; evítase a repetición de probas ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo; e, así mesmo, posibilítase a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados”.

Artigos relacionados

Back to top button