OurenseÚltima hora

Os micromachismos centran a campaña do 25-N do Concello de Ourense

Baixo o cancelo #nonseveperoé organizarán unha programación cunha homenaxe e diversas actividades con motivo do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
Jesús Vázquez e Sofía Godoy. // Foto: Carlos Asensio.

O Concello de Ourense vén de presentar as actividades do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se conmemora o vindeiro 25 de novembro. Segundo explicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación de hoxe, 21 de novembro, o obxectivo destas actividades é “visibilizar os comportamentos machistas cotiás, micromachismos”, algo que o rexedor municipal cualificou de “lacra”.

Baixo o cancelo #nonseveperoé, a Concellería de Igualdade organizou unha serie de relatorios, entre outras actividades, así como un acto homenaxe ás vítimas da violencia machista no 2017, a presentación do III Plan para a promoción da equidade de xénero no Concello de Ourense ou unha convocatoria para nomear as tres prazas da cidade co nome de mulleres ilustres.

O rexedor municipal, que estivo acompañado pola responsable de Igualdade do Concello, Sofía Godoy, expuxo que o Centro de Información Municipal á Muller (CIMM) tramitou 232 expedientes e realizou 910 consultas mentres que a casa de acollida para mulleres maltratadas atendeu a un total de 21 vítimas (e 20 menores), rexistrando un 67,93% de ocupación.

Vázquez Abad asegurou que o Concello “pon a disposición de cantas mulleres poidan estar expostas a algunha das múltiples violencias de xénero todos os recursos dispoñibles”. Nese senso, asegurou que vanse centrar na infancia “con actividades infantís nos barrios e centros cívicos, e implicaremos á mocidade con concertos, proxeccións e obradoiros de defensa persoal”, asegurou.

Todas estas actividades presentadas por Sofía Godoy están englobadas dentro dunha campaña que quere pór o foco “frases, actitudes ou advertencias que agochan o xermolo de situacións violentas cara ás mulleres que se manifestan en plena mocidade e adolescencia e que, dende o Concello, loitaremos por erradicalas de raíz”, asegurou con rotundidade Jesús Vázquez. Por este motivo elixiron o cancelo #nonseveperoé.

Artigos relacionados

Back to top button