Natureza, montaña, arqueoloxía, lenda e memoria. Na paisaxe de Casaio (Carballeda de Valdeorras) poden lerse páxinas fundamentais de diferentes momentos da historia. As máis antigas remóntanse á prehistoria, co referente do conxunto de pinturas rupestres de Pala de Cabras, cuxo descubrimento se facía público en febreiro de 2018, e que os expetos sitúan no terceiro milenio antes da nosa era. Polo momento, trátase de 15 paneis con representacións e un total de 25 motivos distintos, que inclúen os característicos ídolos oculados, soliformes e arboriformes, máis tamén representacións animais e dixitacións.
Séculos despois, a riqueza mineira destes montes púxoos no foco internacional coa explotación dun mineral estratéxico como o wolfram en diferentes momentos do século XX, pero, de xeito especial, na segunda guerra mundial. Hoxe segue sendo un referente mundial pero doutro recurso mineiro: a lousa.
Ademais hai máis de 70 anos este territorio convertíase na denominada Cidade da Selva, “punto neurálxico da guerrilla do noroeste español, zona de conexión entre Asturias, León, Galicia e Portugal. Isto fixo que Valdeorras tamén fora, durante algúns anos, a sede da Federación de Guerrillas de León-Galicia, un organismo con capacidade democrática en tempos dunha ditadura férrea”, tal e como recolle nun recente estudo a xornalista valdeorresa Alba Prada.
Tamén neste entorno, no marco de Macizo de Trevinca, ubícase a capela do San Xil, na que cada primeiro de maio se viña celebrando unha romaría na honra deste santo. A historia de San Xil está intimamente vencellada á do mosteiro sanabrés de San Martiño de Castañeda aínda que segundo o historiador Isidro García Tato, unha reconstrución exacta da vida deste persoeiro resulta imposible “porque, ademais de estar moi mesturada a historia coa lenda, os datos de que se dispoñen son tan dispares que ás veces resultan contraditorios”.
Partindo da base “de que faltan razóns convincentes nas diferentes versións sobre a biografía de San Xil”, García Tato inclínase pola que asegura que a súa vida estaría dacabalo entre a segunda e a primeira metade dos séculos XII e XIII, sendo monxe Cisterciense do Mosteiro de Carracedo e abade do Mosteiro de San Martín de Castañeda que levou vida eremítica (centrada na meditación, o silencio e a penitencia) nos montes de Casaio onde morreu “en olor de santidade”.
Estes montes custodian xoais botánicas como o engaiolante e milenario bosque do Teixadal, eternamente verde ou o fermoso Foio Castaño. Ademais nesta paisaxe poden atoparse elementos etnográficos, como son as numerosas alvarizas, que delatan a antiga presenza do oso na zona.
Xa nas proximidades de Casaio un banco permite desfrutar das fantásticas vistas. E xa dentro da localidade poden atoparse elementos de interese como, por exemplo, a fachada renacentista do seu cemiterio, dende o que tamén pode verse un entorno de montaña no que latexa a historia.
Fotos: Carlos G. Hervella.