Os “Museos das estacións” de tren que o Inorde ten arrendadas a ADIF e que foron rehabilitadas co proxecto europeo de cooperación transfronteiriza (Interreg IIIA), volven a abrir as súas portas ao público.
O obxectivo da rehabilitación destas estacións “foi convertelas en enclaves para a revitalización económica, social e cultural das áreas que a forman, convertendo estas zonas en espazos de lecer, ecoturismo, turismo activo natural e cultural a través da recuperación e potenciación das rutas da Vía da Prata e os camiños portugueses, así como as vías xacobeas e a Vía Nova”.
Así, na estación de ferrocarril de Baños de Molgas reabrirán o Museo Moncho Borrajo, a Sala de Exposicións, o restaurante e cafetería, e o albergue turístico. O horario será de martes a domingo, de 11:30 a 13:30 horas e pola tarde de 16:30 a 20:30 horas ata o 15 de outubro.
Ademais, na estación de Santa Cruz de Arrabaldo, volverán abrir o Museo do Automóbil- Fundación Estanislao Reverter e o Museo do traxe tradicional galego; mentres que na estación de tren de Os Peares abrirá a Aula-Museo do Ferrocarril. As visitas concertaranse mediante cita previa no teléfono 988 317 930, na web inorde.com ou no correo electrónico inorde@inorde.com.