Galerías de fotosÚltima hora

Os nenos do campamento urbano de Vilamartín reciben a visita da Patrulla Felina Barco

É unha das actividades do Vilaverán 2019 que entrou xa na recta final

As vacacións están tocando ao seu fin e con elas os campamentos urbanos nos que os cativos pasan boa parte do día. Así o fan no Vilaverán, o campamento organizado polo Concello de Vilamartín de Valdeorras que na mañá do 19 de agosto recibía unha visita moi especial.

Lorenzo, Uxía, Laura e Lucía, membros da asociación Patrulla Felina O Barco, achegábanse ata o Centro Sociocultural Santa Lucía para falar cos nenos sobre os gatos, eses simpátivos e fermosos animais domésticos que precisan máis coidados dos que pode parecer, sobre todo no que atinxe á alimentación. Así, entre as recomendacións dadas aos pequenos está a de non darlles de comer doces nin pementón “comerano sen problema pero para eles é veleno”, aseguraba Lorenzo que traía unha sorpresa. Despois da charla e dos consellos, os pequenos puderon coller en brazos e acariñar a dous fermosos gatos que comeron diante deles e deixáronse mimar.

Patrulla Felina O Barco é unha asociación sen ánimo de lucro que nacía “pola necesidade de axudar ás colonias de gatos rueiros do noso municipio que están expostas ao frío, enfermidades e que en moitas ocasións son envenenados ou exterminados, ademais de solucionar o problema da prohibición de que sexan alimentados”, explican dende o colectivo. Entre os obxectivos que se marcan están a localización das colonias; a indentificación dos gatos que as forman e a súa esterilización dándolles refuxio; e por último pero non menos importante: a búsqueda de adopción para cada un deles.

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as tres últimas que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button