Nacía hai apenas seis anos co obxectivo de desfrutar dunha xornada de bicicleta e montaña, nun ambiente familiar no que, por riba de todo, priman o compañeirismo e a amizade e, nesta edición, incluían unha ruta infantil.
Na fin de semana do 10 e 11 celebrábase segundo estaba previsto, unha nova edición da ruta en BTT Épico Parteme-Pía Paxaro. Unha fermosa ruta con saída en Quiroga para subir ata Parteme e coroar o Pía Páxaro, o monte máis alto da comarca a 1.640m. Un percorrido total duns 75km non exento de dureza no que cada ano participa unha vintena de bikers.

Organizada conxuntamente por Oroso Club Ciclista e Épico Parteme-Pía Paxaro, e respectando as normas anticovid en todo momento, a quedada incluía este ano un Épico Kids, duns 20 quiómetros, o sábado polo paseo dos ríos Quiroga e Sil no que participaban nenos e nais. E xa na xornada do domingo uns 20 ciclistas adultos participaban no Épico Challenge, nesta ocasión pola Ruta da Cubela “subindo a Torbeo e regresando polo sendeiro do Canón do Sil”, puntualiza Celes González, promotor da quedada.
Dado o éxito desta nova convocatoria, dende a organización adiantan que para o vindeiro ano valorarán se repiten o formato deste ano (Épico Kids e Épico Challenge) ou haberá cambios “sempre para mellorar e escoitando a opinión e consellos de todos os asistentes, porque realmente o éxito desta quedada esta na sua xente”, aseguran.

Fotos cedidas.