SanidadeÚltima hora

Os novos equipos para a atención domiciliaria no rural incorporan 14 profesionais de enfermería

traballarán en estreita coordinación cos Equipos de Atención Primaria da Área Sanitaria ourensá

 

Continúa coa implantación do plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras coa contratación de catorce novos profesionais que “reforzarán e potenciarán a súa carteira de servizos coa posta en marcha dunha unidade de soporte para a atención domiciliaria”, segundo destaca o Sergas.

Esta unidade, formada por sete equipos de enfermaría, integrarase e traballará en estreita coordinación cos equipos de atención primaria da área sanitaria ourensá e únense tamén ao proceso de mellora contínua da atención primaria, por parte da Consellería de Sanidade, coa recente implantación dos plans de saúde locais que van permitir a súa transformación no que atinxe á mellora da saúde da poboación e da eficiencia do servizo, así como da satisfacción dos profesionais e do incremento da calidade e experiencia do paciente.

 

 

14 profesionais para os equipos de soporte de atención domiciliaria

Con este motivo créanse sete equipos de soporte para a atención domiciliaria nas zonas rurais, integrados por catorce novos profesionais da enfermaría, que traballarán en estreita coordinación cos Equipos de Atención Primaria da Área Sanitaria reforzando de xeito importante as funcións da enfermaría. Deste xeito o obxectivo principal destas unidades será o de mellorar a calidade asistencial dos pacientes do noso rural tecendo redes de colaboración entre o centro de saúde e a súa contorna en beneficio da saúde da poboación.

Cada un dos equipos contará cun vehículo para os seus desprazamentos e darán cobertura xeográfica á totalidade dos concellos da provincia, tendo como función principal á valoración integral dos pacientes inmobilizados. No caso da nosa área temos preto de 2.200 persoas que están nos seus domicilios ou tamén en residencias sociosanitarias que non dispoñen de persoal médico nin de enfermaría.

Polo tanto cada un destes novos equipos realizará “unha valoración enfermeira integral, identificando as necesidades dos pacientes e informarán dos resultados da mesma ao equipo de atención primaria responsable do paciente, valorando de forma conxunta a necesidade dunha posible derivación cara a outros profesionais (médico, farmacéutico, enfermeira ou traballo social). Ademais rexistrarán o seu grao de dependencia, a existencia da figura do coidador, o estado da súa cartilla de vacinación, o seu grao de adherencia á medicación e educarán aos pacientes na aplicación dos autocoidados”, tal e como se adianta dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Outro importante labor será o de dar continuidade aos coidados dos pacientes que foran dados de alta polos profesionais sanitarios do servizo de Hospitalización a Domicilio e posteriormente informarán da súa evolución aos seus respectivos equipos de atención primaria.

Área de actuación dos sete equipos:

Segundo sexa o centro de saúde que derive aos pacientes, a área de actuación dos equipos de atención domiciliaria será a seguinte:

Equipo 1: O Carballiño:
(O Carballiño/ O Irixo / Boborás / San Amaro / Punxín / Dacón / Maside/ Beariz).

Equipo 2: Allariz-Maceda-Castro Caldelas
(Allariz / Taboadela/ Xunqueira de Ambía / Maceda / Esgos / Xunqueira de Espadañedo / Paderne/ Baños de Molgas / Castro Caldelas / A Teixeira/ Parada do Sil / Chandrexa/ Montederramo)

Equipo 3: Celanova
(Celanova/ Verea / Crespos / A Notaria / A Merca / Outomuro / Cartelle / Pontedeva /Gomesende / Ramirás / Quintela de Leirado)

Equipo 4: Xinzo-Bande
(Xinzo / Baltar / Rairiz de Veiga / Sandiás / Sarreaus / Os Blancos / Calvos de Randín /Porqueira / Trasmirás / Vilar de Barrio / Vilar de Santos / Bande / Lobeira / Lobios / Muiños / Entrimo)

Equipo 5: Ribadavia-Coles
Ribadavia / Cenlle / Cortegada / Leiro / Avión / Carballeda de Avia/ Castrelo de Miño / Melón / Arnoia / Beade / Coles / Vilamarín / A Peroxa / Os Peares / Amoeiro / Piñor de Cea / San Cristovo de Cea)

Equipo 6: O Barco-Trives-Viano do Bolo
(O Barco / Larouco / Petín / A Rúa / A Veiga / Rubiá / O Bolo / Carballeda de Valdeorras / Villamartin de Valdeorras / Trives / Manzaneda / San Xoan de Rio / Viana do Bolo / Vilariño de Conxo)

Equipo 7: Verín
(Verín / Cualedro / Castrelo do Val / Laza / Monterrei / Vilaza / Albarellos / Oimbra / Riós / Vilardevós / A Mezquita / A Gudiña)

Artigos relacionados

Back to top button