ConcellosMonforte de LemosÚltima hora

Os paseos en barca polo río Cabe, “unha actividade imprescindible do verán” de Monforte

Así o destaca o seu alcalde, José Tomé, indicando que neste 2023 contabilizábanse 830 viaxes

Barcas no río Cabe en Monforte de Lemos./ Cedida.

 

Os paseos en barca polo río Cabe seguen sendo un dos principais atractivos turísticos do verán na cidade de Monforte, e boa mostra de elo é o incremento acadado neste ano 2023, con respecto a anos anteriores. Deste xeito dende o inicio do mes de xullo e ata o pasado 30 de setembro, o Club de Piragüismo Quixós, que se encarga da xestión desta actividade organizada polo Concello de Monforte, contabilizou un total de 830 viaxes.

O punto de inicio destes percorridos era o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo tivo un custe de 3’25 euros por barca, como en anos anteriores. Os datos reflicten que o mes de agosto é o que acapara o maior número de percorridos polo río. De feito, máis da metade das viaxes do verán realizáronse durante este mes, en concreto, neses días de vacacións por excelencia, houbo 482 paseos. No mes de xullo foron 252 viaxes, e no de setembro, 96.

“As cifras correspondentes aos paseos en barca confirman que este verán houbo moita xente en Monforte, é unha proba máis de que Monforte e a Ribeira Sacra están de moda”, destaca o alcalde, José Tomé Roca.

Exitoso balance con respecto aos últimos anos

A valoración que se fai dende o Concello de Monforte das cifras acadadas neste 2023, con respecto a anos anteriores é moi positiva. Neste senso, “xunto co ano 2021, no que se alcanzaron os 1.043 percorridos, son as mellores cifras dos últimos anos”, subliñou o alcalde.

En concreto, se comparamos as cifras con respecto ó ano 2022, no que o total de paseos foi de 614, en 2023 foron 216 paseos máis que naquel ano, un incremento do 35%. Polo que respecta ao ano 2020, no que se alcanzaron as 739 viaxes, o incremento en 2023 foi do 12%, 91 viaxes máis. Finalmente en 2019, rexistráronse 798 paseos, polo que en 2023 o incremento foi do 4%, con 32 viaxes máis.

O alcalde salienta que “os paseos en barca polo río Cabe consolídanse coma unha actividade imprescindible dentro do calendario de verán do Concello de Monforte, porque é unha experiencia lúdica, saudable e porque permite ter unhas vistas privilexiadas do tramo fluvial no seu percorrido urbano”.

Artigos relacionados

Back to top button