OurenseÚltima hora

Máis de 9.500 espectadores, na 28º edición do OUFF pola que pasaron 72 filmes de 18 países

 

O Ourense Film Festival (OUFF) remata a súa 28º edición coa “constatación do éxito do festival e a implicación da cidadanía ourensá”, tal e como destacaban esta mañá dende a súa organización. Máis de 9.500 espectadores asistían a algunha das 105 proxeccións que se realizaron dende o 29 de setembro ata o 8 de outubro. Pasaron polas 6 salas de cinema un total de 72 películas de 18 países. “Conseguimos a mellor edición deste equipo e a máis relevante de toda a historia do festival”, constatou o director do festival, Miguel Anxo Fernández.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns o equipo do festival daba conta dos primeiros resultados e conclusións desta edición. Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez, coordinador da mostra, acompañados de César Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, facían balance dunha edición que consideraron de éxito.

“O festival ano tras ano é un éxito, demandado e querido polo público”, destacaba César Fernández, quen puxo en valor a amplia programación de actividades paralelas que teñen lugar dentro e fora da cidade de Ourense, deslocalizando o festival e causando impacto en territorios de toda a provincia. O acto en Ribadavia de lembranza da rodaxe do filme Cotolay ou a rutas de cinema son algúns exemplos da aposta da 28º edición por destacar a importancia da provincia de Ourense como entorno cinematográfico.

Unha media de 1.000 espectadores diarios nas proxeccións

O programa presentado polo equipo do OUFF executouse ao 100% cunha “gran participación o público en todas as actividades”, destacou o director do festival. Proxectáronse 72 filmes, contando as curtas, en 105 proxeccións nas salas repartidas nos cines Ponte Vella, o Teatro Principa e o Auditorio de Ourense. 9.548 pasaron por estas salas, unha media de 1.000 espectadores diarios. Por outra banda, a aceptación do público das películas propostas na sección oficial foi notável, dos 12 filmes presentados a concurso na Sección Oficial Internacional, 9 conseguiron unha puntuación superior a 4 (sendo o 5 máxima puntuación) nas valoracións realizadas polo público ao rematar as proxeccións, nas que participaron o 87% dos asistentes. A película que recibiu máis espectadores foi Un Amor, de Isabel Coixet.

Actividades de formación e apoio aos novos talentos

Miguel Anxo Fernández tamén puxo en valor o papel do OUFF no panorama audiovisual galego: “Queremos ser a porta de saída e entrada para o audiovisual galego”, declarou. En primeiro lugar mediante a incorporación a concurso da sección Panorama Galicia, na que “O Corno” de Jaione Camborda foi protagonista. Por outra banda, celebrouse o VII Encontro Estatal de Academias do Audiovisual, organizado pola Academia Galega do Audiovisual. Os programas Fas Muvis e OUFF escola procuraron a implicación dos novos e futuros talentos do panorama galego: “Sn formación, sen o novo talento, calquera festival estaría morto”, afirmou Fernández.

Implicación do tecido empresarial ourensán

A cidadanía e o sector audiovisual mostraron unha forte implicación e arraigo co proxecto, como tamén o fixo o tecido empresarial ourensá, un apoio imprescindible para o OUFF. Unha treintena de comercios locais participaron no Concurso de Escaparates. Patrocinadores como La Región, Gadis, Abanca e Corporación Hijos de Rivera mostraron o seu apoio un ano máis e Café Candelas consolidouse como colaborador.

Artigos relacionados

Back to top button