DeportesÚltima hora

Os pescadores da Rúa amosan o seu malestar polo estado do río na zona da Graveira

A beira do río está chea de maleza e árbores arrastradas pola crecida

 

A menos dun mes para que se abra a tempada de pesca (do domingo 15 de marzo ata 31 de xullo) os pescadores da Rúa amosan o seu malestar polo estado do río Sil ao seu paso pola localidade, especialmente na zona comprendida entre a presa de Valencia do Sil e A Graveira.

Árbores caídos, maleza e lixo de todo tipo aparecen en ambas marxes do río, imposibilitando a pesca nunha zona que segundo Antonio Domínguez “Cachito”, un gran afeccionado a esta actividade, é frecuentada polo 90% dos pescadores da Rúa.

As crecidas do río a finais de ano que obrigaban a abrir as comportas da presa, provocaron o arrastre de terra preto do curso fluvial coa consecuente caída de árbores que permanecen atravesados na beira, facendo case imposible o acceso e, tal como explica o propio pescador, o problema é que nin limpa o sitio quen debe limpalo, nin deixa que o limpen os propios pescadores.

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as dúas primeiras que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button